Actos do presidente

Ernesto Pedrosa, presidente do Consello, nas xornadas sobre “Tendencias e desafíos do compliance na universidade”

2023-08-16T12:58:46+00:0024 de Xullo de 2023|Actos do presidente, Novas|

A Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas (CCS) celebrou os días 13 e 14 de xullo, xunto co Consejo Social da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria (ULPGC) e a Fundación para la Formación e Investigación en Auditoría del Sector Público (FIASEP), unhas xornadas baixo o título “Tendencias e desafíos do compliance na universidade española: cara a unha cultura de integridade e bo goberno”, no marco da universidade de verán de Maspalomas.

“España é o país europeo con menos avances en canto a gobernanza na universidade”, sinalou Antonio Abril Abadín, presidente da CCS, durante o acto de inauguración, onde tamén interveu Angel Tristán Pimienta, presidente do Consejo Social da ULPGC, quen destacou que en Canarias a supervisión se canaliza “de maneira expresa e efectiva neste consello social, co servizo de control interno ou intervención”.

Ademais, participaron Lluís Serra Majem, reitor da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria; José Carlos Naranjo Sintes, presidente de FIASEP; Elena Álamo Vega, concelleira de Presidencia, Recursos Humanos e cultura do concello de San Bartolomé de Tirajana; e Inés Miranda Navarro, conselleira de Política Territorial e paisaxe do Cabildo Insular de Gran Canaria.

Un dos relatorios máis destacados foi o do presidente da Sala Segunda do Tribunal Supremo, Manuel Marchena, que foi presentada por Félix Sanz Roldán, presidente do Consejo Social da Universidad de Castilla La Mancha. O maxistrado abordou os problemas que van ter as universidades españolas sobre a responsabilidade penal das persoas xurídicas e as obrigacións que se derivan da recente lei sobre a protección dos ‘informantes’ ou Lei 2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción. Tamén afirmou que “as leis fanse con precipitación”, referíndose ao sistema xurídico español.

O segundo relatorio estivo a cargo de Alain Casanovas, responsable de Legal Compliance en KPMG España e director do KPMG Compliance Think Tank, que destacou a necesidade de dispor en calquera organización, de modelos de compliance que garantan “unha xestión íntegra e acorde coas normas”. E, remarcou que, no ámbito das universidades, a Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) atribúe ao consello social das universidades “velar polo cumprimento dos principios éticos e de integridade académica, así como das directrices antifraude, que deben guiar a función docente e a investigación, en colaboración cos organismos e plans dos que, para estes efectos, dispoña cada universidade”.

Seguidamente interveu Enrique Álvarez Tolcheff, funcionario do corpo de Técnicos Superiores de Administración General da Comunidad de Madrid con destino no Tribunal de Cuentas, para analizar a “Relación entre o exercicio de control interno e do compliance no ámbito universitario” e fixo fincapé en que “os sistemas de integridade, os plans antifraude esixidos pola Unión Europea ou o compliance constitúen unha oportunidade de mellora do sector público en xeral e do ámbito universitario en particular”. Para concluír o primeiro día Ana Suárez Calvo, conselleira do Consejo Social da ULPGC, deu paso a Javier Martín Cavanna, director executivo da Fundación Haz, quen abordou a función das análises e seguimento constante da transparencia das institucións para a súa Fundación á hora de elaborar rankings.

O segundo día comezou expondo os “fins e obxectivos do Código ético na Universidade” nunha sesión presentada por Javier Vidorreta Salillas, presidente do Consejo Social da Universidad Pública de Navarra e coa intervención de Fernando Navarro Cardoso, catedrático de dereito penal da ULPGC, quen resaltou que “defendo a implementación dun código ético en todas as institucións tanto públicas como privadas”. Outro dos temas que se analizaron durante a mañá foi “como facer un código ético nunha organización. Aplicación á universidade española”, presentado por Montse Guardiola, presidenta do Consell Social da Universitat Politécnica de Cataluña, e onde participaron Antonio Abril Abadín, presidente da CCS, e Javier Camacho, doutor en economía e empresa pola Universidad Pontificia Comillas ademais de consultor e conselleiro de empresas en temas de ética empresarial.

Na súa intervención, o presidente da Conferencia e do Consello Social da Universidade da Coruña, explicou que o Código Ético non é “un documento meramente programático, senón un documento con vocación de xerar obrigacións” que establece expectativas para as persoas vinculadas a cada organización, ademais de medidas que “garanten a súa correcta aplicación e constitúe o vértice da árbore de políticas internas de calquera organización”. E resaltou o papel que cumpre “o código ético como instrumento necesario da sustentabilidade universitaria. A Responsabilidade Social (sustentabilidade) é a maior revolución experimentada pola empresa occidental no século XXI”. Pola súa banda, Javier Camacho expuxo unha reflexión para analizar se os códigos éticos son necesarios, útiles e efectivos, así como a relación que existe entre a ética, a legalidade e o compliance, e presentou o resultado do estudo dos códigos éticos en doce universidades españolas. Como conclusión sinalou que todos os códigos son parecidos, pero soamente a metade incorpora algúns mecanismos de seguimento.

A continuación, foi a quenda de Rafael Fernández Valverde, maxistrado emérito do Tribunal Supremo e ex vogal do Consejo General del Poder Judicial, quen manifestou que “fracasamos cun sistema de cumprimento normativo”, e agora “o Estado de Dereito non ten outra saída que pedir colaboración cidadá, que resulta imprescindible para o coñecemento do Dereito”. Tamén, mostráronse experiencias concretas da implantación do compliance no ámbito universitario cos exemplos que mostraron Sofía Querejeta, directora legal e cumprimento en Guadarrama Proyectos Educativos, e Elena de la Fuente, secretaria xeral e responsable de compliance na Universidad Europea (UE). Sobre a experiencia da UE mostráronse os pasos que seguiron para o plan de compliance, que inicia coa aprobación polo consello de administración do Plan (código ético, política e manual de prevención) e a formación do comité de compliance.

A clausura das xornadas correu a cargo de Antonio Abril Abadín, Ángel Tristán, Suny Beerli –vicerreitora de Proyección Social y Comunicación de la ULPGC, e José Carlos Naranjo, presidente da Fundación FIASEP. Todos coincidiron na necesidade de establecer un cumprimento normativo obrigatorio para as universidades como oportunidade para fortalecer as institucións e así xerar maior confianza entre a universidade e a sociedade.

Abril Abadín puxo o foco en que “a nova LOSU encomenda aos Consellos Sociais a función de velar pola ética, a integridade académica e as medidas antifraude na universidade”. “Velar” debe interpretarse como control e supervisión efectiva do compliance universitario”. Ademais, puxo o exemplo do consello social da ULPGC como único consello que ten o control económico e orzamentario dentro da súa universidade.

A estas xornadas asistiron o presidente, –Ernesto Pedrosa– e o secretario –Ignacio Rodríguez– do Consello Social da Universidade de Vigo.

Facendo clic no botón de abaixo é posible acceder aos relatorios das xornadas

Relatorios Xornadas Compliance