Todo listo para o acto de entrega dos II Premios Alumni-UVigo, galardóns que recoñecen o labor persoal e profesional das antigas alumnas e alumnos da Universidade de Vigo que destacan por contar cunha traxectoria persoal e profesional que achega valor e ten unha clara vontade de inducir cambios na sociedade. O xurado elixiu tres finalistas por cada unha das cinco categorías para que despois fosen os propios membros da comunidade Alumni, integrada na actualidade por máis de 1600 ex-alumnas e alumnos, os que elixisen cos seus votos aos vencedores e vencedoras. As urnas pecháronse o pasado domingo tras rexistrarse preto dun milleiro de votos (963), e agora toca agardar ata o venres para coñecer ás persoas gañadoras.
O acto de entrega será no edificio Redeiras, ás 19.00 horas, nunha gala e posteriormente terá lugar unha gran festa final na praza do Berbés, un encontro concibido para que os antigos estudantes poidan atoparse cos que foran os seus docentes, compañeiros e compañeiras, e enriquecer así a súa rede de contactos persoais.
Ao igual ca en 2022 entregaranse galardóns en cinco categorías: Emprendemento (15% das candidaturas), Traxectoria Profesional (28%), Humanidades (13%), Impacto Social (20%) e Investigación (24%). Son en total 15 finalistas elixidos polo xurado entre preto dun cento de candidaturas e cada unha das persoas premiadas recibirá un galardón e un diploma acreditativo co que a institución e, en particular a súa comunidade alumni, quere simbolizar o recoñecemento da súa achega á sociedade. As persoas interesadas en asistir a este acto deben inscribirse na web do evento.