A internacionalización como clave para facer fronte ás dificultades na captación de estudantes derivadas do reto demográfico, a renovación dos cadros de persoal docente e investigador, a LOSU e o financiamento. Estas son as principais claves que marcarán o presente e o futuro das universidades galegas, como quedou patente no acto oficial de inauguración do curso 2023/2024 do Sistema Universitario Galego que se celebrou este venres no campus de Vigo. O reitor vigués, Manuel Reigosa, en representación das tres universidades galegas, sinalou estes catro aspectos como os principais retos aos que se enfrontan os campus galegos, nun acto ao que tamén asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que destacou a aposta do goberno galego pola investigación universitaria e o papel da universidade como garantía básica da igualdade de oportunidades.
Rueda e Reigosa estiveron acompañados na mesa presidencial polos reitores das universidades de Santiago de Compostela, Antonio López; e da Coruña, Julio Abalde, así como polos presidentes dos consellos sociais das tres universidades do SUG; Ernesto Pedrosa, da UVigo; Cecilia Sierra, da USC; e Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC e Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas. A encargada de impartir a lección inaugural do novo curso foi a catedrática do Departamento de Escultura Yolanda Herranz, que se centrou no autorretrato do artista e as súas sombras, reflexos e reflexións, incluíndo unha performance titulada (el) ARTE es ARTE.
Ao evento, celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, asistiron tamén os conselleiros de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo; e Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, así como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Ademais, a esta cita non faltaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o tenente de alcalde do Concello de Ourense Armando Ojea; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Armando Ojea, xunto a diferentes autoridades civís e militares e representantes do mundo académico, político e cultural.
Na súa intervención, o reitor da UVigo, fixo un percorrido histórico dende o nacemento da Universidade de Compostela en 1495, “que foi fundamental para o desenvolvemento de Galicia e da que somos orgullosos herdeiros” tras o proceso de segregación de Vigo e A Coruña. Coa vista posta na actualidade, o reitor puxo o foco nas principais fortalezas do sistema universitario galego, que cualificou como “un soño compartido que permite a excelencia e a xeración de coñecemento”. Salientou en primeiro lugar o feito de contar cun Plan de Financiamento Plurianual, que cualificou de “fundamental e acaído”, xa que permite unha planificación a medio prazo, algo que representa unha vantaxe fronte a outras comunidades autónomas e outros sistemas. En segundo lugar, lembrou que as taxas de matrícula en Galicia están “entre as máis baixas de España”, pero o plan de financiamento compensa esta limitación dos ingresos, o que sitúa o sistema universitario galego “na banda media-alta de financiamento no ámbito nacional”.
O reitor tamén puxo o foco nun terceiro aspecto, o actual proceso de especialización dos campus, “unha iniciativa que non existe noutros sistemas universitarios” en España e que permite “harmonizar e apoiar os campus non centrais”. Un cuarto aspecto ao que se referiu Reigosa é o clima de cooperación entre as tres universidades galegas, con graos, mestrados e doutoramentos conxuntos e múltiples acordos no seo do SUG e coa Consellería sobre o mapa de titulacións, docencia clínica, intelixencia artificial, financiamento ou infraestruturas. Finalmente, salientou a posta en marcha do selo CIGUS, que permite a agrupación de forzas nos eidos nos que as tres universidades son máis fortes, co obxectivo de levar a investigación en determinadas áreas ao máis alto posible.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aproveitou o seu discurso neste acto de apertura de curso para reivindicar o papel das universidades galegas como “motor do progreso de Galicia”, facendo así fincapé en que “apoiar as universidades é apoiar a excelencia do país”. Nesta liña, agradeceulle aos tres reitores o seu espírito de cooperación, algo que cualificou como “fundamental” e que, ao seu modo de ver, non vai en contra da necesaria defensa dos intereses de cada unha destas institucións. “Para construír Galicia é fundamental saber cooperar, defendendo os intereses e as aspiracións de cada universidade, pero sen competir”, subliñou o presidente, remarcando a idea de que “desta colaboración beneficiámonos todos”.
Abaixo podemos ver un vídeo do evento preparado por UVigoTV