Colaboracións e patrocinios

Nova enquisa do Observatorio de Persoas Tituladas para coñecer a situación laboral dos doutorados e doutoradas da UVigo

2023-09-27T11:01:09+00:0027 de Setembro de 2023|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O obxectivo desta enquisa é obter información útil relativa tanto á inserción laboral como á satisfacción respecto dos programas de doutoramento da UVigo. Os datos que se obteñan permitirán coñecer a empregabilidade e situación profesional actual dos doutores e doutoras pasados 18 meses tras rematar os seus estudos e, ao tempo, achegarán á institución académica información útil e relevante para mellorar a calidade dos programas de doutoramento e contribuirán a mellorar da formación do estudantado das seguintes promocións.

O prazo para cumprimentar a enquisa está aberto ata o vindeiro 2 de outubro e están chamadas a participar as 168 persoas tituladas no curso en cuestión nalgún dos 39 programas de doutoramento oficiais adscritos á EIDO da UVigo.

Unha vez completado o tratamento estatístico das respostas, os informes de resultados serán publicados tanto na Web do Observatorio como no do Consello Social e no Portal de Transparencia da UVigo para o coñecemento de toda a comunidade universitaria. A enquisa é anónima e non require o nome e apelidos nin o nome da empresa ou entidade na que traballen as persoas participantes.

Alén do Consello Social, para a implementación desta actividade o Observatorio conta coa colaboración da dirección da Escola Internacional de Doutoramento (Eido), a Área de Calidade da UVigo e o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao.