“Renovar o compromiso do campus coa alimentación saudable, cos produtos de proximidade e cunha alimentación e compra sostible” constitúe, como sinala o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, o obxectivo principal da feira de produtos ecolóxicos e de proximidade que se desenvolverá o vindeiro xoves 5 de outubro no aparcadoiro do edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública. Promovida pola Vicerreitoría, coa colaboración do grupo de consumo responsable do campus e co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, a feira desenvolverase entre as 12.00 e as 19.00 horas e contará cunha decena de postos nos que empresas e produtores locais presentarán diferentes produtos ecolóxicos e de proximidade, así como por diferentes obradoiros abertos á cidadanía.
O primeiro dos talleres estará dirixido a aprender a realizar receitas sinxelas e saudables e verase continuado por un obradoiro de fitocosmética, no que aprender a elaborar unha crema a partir de extractos procedentes da leituga do mar e das milfollas. Xa pola tarde, terá lugar un roteiro de recoñecemento e identificación de plantas silvestres comestibles e un taller de upcycling, dirixido a dar novas funcionalidades a produtos que ían ser tirados ao lixo. A feira contará así mesmo coa actuación da Aula Permanente de Música Tradicional do campus e cunha demostración da profesora da EE Forestal Purificación Marcet sobre o funcionamento dunha cociña solar, así como cun posto informativo dirixido a dar a coñecer entre a comunidade universitaria o grupo de consumo responsable, unha asociación nacida en 2020 co obxectivo de promover o consumo de alimentos de proximidade e ecolóxicos. Esta feira servirá así mesmo para complementar a estrea dun “carril bici vaca” no campus, no que se plasman diferentes pasos de peóns pintados como o lombo dunha vaca. Trátase dunha iniciativa centrada na mobilidade e na gandería sostible impulsada polo Concello, a Vicerreitoría e a empresa Casa Grande de Xanceda, que instalará tamén unha carpa no campus nesa xornada.