Colaboracións e patrocinios

Os tres campus dan a benvida ao novo estudantado co apoio do Consello Social

2023-09-11T11:03:52+00:008 de Setembro de 2023|Colaboracións e patrocinios, Novas|

No campus de Vigo 1040, 650 no de Ourense e 540 no de Pontevedra, en total máis de 2000 as alumnas e alumnos que participaron nos tres campus nas Xornadas de Benvida para o estudantado da Universidade de Vigo, unha actividade á que estaba convidado todo o alumnado, pero pensada especificamente para achegarlle as mozas e mozos que este ano se incorporan ás aulas universitarias información e asesoramento sobre os diferentes servizos que a institución académica pon a súa disposición nun ambiente totalmente lúdico e festivo.

A primeira xornada tivo lugar o pasado martes 5 de setembro no campus de Pontevedra, que estrea este curso a titulación de Deseño, o único grao que se incorpora este curso á oferta do Sistema Universitario de Galicia; continuaron o mércores 6 en Ourense e remataron o xoves 7 no Pavillón Universitario do campus vigués, onde a asistencia de público foi constante ao longo de toda a mañá.

Vista do pavillón na xornada celebrada no Campus de Ourense

Os universitarios e universitarias puideron consultar información nos postos dos diferentes servizos (Área de Benestar, Saúde e Deporte, Unidade de Igualdade, Área de Normalización Lingüística, Área de Emprego e Emprendemento, Centro de Linguas…), así como das delegacións e asociacións de estudantes (UVigo SpaceLab, CES UVigo, ESN…). Como novidade este ano incorporáronse tamén a esta oferta o Servizo de Posgrao e a Escola Aberta de Formación Permanente, co obxectivo de abrir o interese das xornadas non só ao novo estudantado de grao, senón tamén de mestrado ou doutoramento.

O obxectivo é que o estudantado coñeza de primeira man, e de modo conxunto, dunha soa vez, todo o que lles ofrece a Universidade de Vigo. Con elas compleméntanse os actos de benvida que cada escola e facultade celebra estes días para o seu alumnado de primeiro curso e que están máis enfocados a temas docentes, como horarios ou plans de estudo.

Como é tradicional o Consello Social entregou a carpeta de benvida con información especialmente relevante para o novo estudantado.

Abaixo podemos ver un vídeo que recolle as tres xornadas nun par de minutos, preparado por UVigoTV