O Boeiro I, o primeiro barco solar da UVigo é un trimarán de seis metros de eslora e dous de manga no que a maior parte do equipamento procede de fabricación propia. É produto dun proxecto nacido hai tres anos da man da asociación estudantil CES UVigo, siglas de Clean Energy Ship, integrada por unha vintena de estudantes das escolas de Telecomunicación, de Industriais e de Minas e Enerxía. O nome da embarcación, Boeiro I, escolleuse en honra ao illote menor do arquipélago das Cíes.
O mércores 27 de setembro presentouse publicamente a embarcación na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, da man de Lorena Gil e Marcos Pardeiro, as principais cabezas visibles deste proxecto, arroupados por quen lles axudou a facer realidade esta iniciativa: a propia Universidade de Vigo, representada pola directora da escola, Rebeca Díaz, e o adxunto do reitor para a Sostibilidade, Jacobo Porteiro; as empresas patrocinadoras, con Bruno Lema, de Marine Instruments, e Patricia Malaver, de Sicnova, á fronte; o Consorcio Zona Franca de Vigo, da man de Ana Mejías, e a Xunta de Galicia, coa directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, como principal cabeza visible do apoio do goberno galego a este proxecto. O Consello Social é outro dos patrocinadores da iniciativa.
Na busca de financiamento para viaxar a Mónaco
O obxectivo dos promotores é participar na Energy Boat Challenge de Mónaco. “A principal problemática desta competición é conseguir o financiamento necesario para chegar alí”, apunta Pardeiro. Por unha banda, o problema de trasladar o barco ata o Club de Iates de Mónaco, “xa que a maioría de transportistas non teñen Mónaco na súa ruta” e, pola outra, a financiación da viaxe das persoas do equipo. “Aínda que coa inscrición nesta competición xa se paga o aloxamento de cinco persoas, “é un tema que nos preocupa porque somos máis de cinco, e Mónaco non é precisamente barato”.
É dicir, a participación en Mónaco depende do financiamento que poidan conseguir e, en función disto, tomarán a decisión. A súa ilusión é ir a Mónaco, pero se isto finalmente non fose economicamente viable optarán por outras competicións europeas que poidan quedar máis en ruta para os transportistas e con posibilidades de aloxamento máis económicas.