Obradoiros manipulativos, exposicións, visitas guiadas, charlas, proxeccións, danza, maxia, espectáculos en vivo….e, sobre todo ciencia, moita ciencia, para celebrar a terceira edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras que o venres 29 de setembro encheu de lecer e coñecemento as rúas das principais cidades galegas. Ao longo da tarde centos de persoas participaron nas máis de 50 actividades programadas polo consorcio de entidades que están detrás desta proposta, entre elas as universidades e organismos de investigación galegos. O evento, que se desenvolve simultaneamente en preto de 400 cidades europeas, ten como obxectivo achegar a ciencia e a I+D dos laboratorios á cidadanía, para que poidan coñecer de primeira man o traballo da comunidade científica e tamén para espertar vocacións entre as e os máis cativos.
A Universidade de Vigo deseñou un programa de actividades espalladas polos tres campus. E a iniciativa contou co apoio do Consello Social.
En Vigo, as persoas que se achegaron ao edificio Redeiras puideron mergullarse no solo, coñecer a termografía infravermella, a química verde na industria téxtil, as claves para facer fronte ao cambio climático, as nanopartículas plasmónicas, o funcionamento das neuronas ou do mundo nano e tamén a empregar residuos para limpar a auga, a facer robots, a coñecer a pegada ecolóxica, o mundo das telecomunicacións, etc. Ademais dos grupos de investigación, o alumnado da UVigo tamén quixo unirse a esta celebración científica coa presentación dos proxectos de UVigo SpaceLab e UVigo Motorsport.
Unha actividades que esperta o maior interese entre o público son os paseos científicos pola ría, a bordo da embarcación Inndaga do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, que realizou tres saídas nas que as persoas previamente inscritas puideron coñecer as técnicas de mostraxe de sedimentos e caracterización de propiedades físicas da auga e do fondo mariño que emprega o persoal investigador do CIM.
Ciencia nos bares e nas cidades

Ciencia no bar, na G-Night de Pontevedra

A G-Night tamén en Ourense
Outra das innovadoras actividades que a G-Night propón cada edición á cidadanía é o ciclo Ciencia no Bar, que leva a investigadores e investigadoras da Universidade a diferentes establecementos de Vigo, Ourense e Pontevedra. Trátase de que, nun ambiente distendido e de lecer, o público se achegue a algunhas das temáticas nas que traballan os grupos dos campus. En Vigo o lugar escollido foi o café Vitruvia, que contou coa presenza de Diana Valverde (CINBIO) e Paloma Morán (CIM), que abordaron o impacto do sexo e o xénero sobre as enfermidades e de Ana Larrañaga (Cintecx), que falou sobre a ciencia de datos e o seu verdadeiro propósito. No Café & Pop Torgal de Ourense tiveron lugar dúas charlas científicas da man de María José Vázquez, que explicou a influencia da pornografía sobre as relacións e interaccións sexuais, e de José Manuel Galiña, cun relatorio titulado Barferencias: Historia, Arte e Xerografía. Finalmente, na cervexaría Nada de Pontevedra investigadores de Ecobas e o PostGrowth Innovation Lab falaron debateron sobre como repensar a economía e desaprender para transformar e organizaron obradoiros participativos sobre os límites e as oportunidades da economía nun mundo en crise. Ademais, tamén en Pontevedra e da man do Programa Universitario de Maiores tivo lugar un paseo científico polo río Gafos.
UVigoTV preparou o seguinte vídeo da xornada: