Colaboracións e patrocinios

Aberta a nova convocatoria das bolsas “Ourense Rural”

2023-10-05T10:26:42+00:004 de Outubro de 2023|Colaboracións e patrocinios, Novas, Responsabilidade social|

Por terceiro ano consecutivo convócanse –co apoio do Consello Social e da Deputación de Ourense– as bolsas de desprazamento Ourense Rural. O seu obxectivo é atender o custo económico que supón a realización de estudos universitarios oficiais para o alumnado empadroado en concellos rurais da provincia de Ourense distantes do campus de Ourense e con dificultades de conexión a través de medios de transporte habituais.  O importe máximo para esta convocatoria é de 26.000 euros.

Solicitudes ata o 25 de outubro

As axudas previstas destinaranse a cubrir os gastos derivados do desprazamento desde o termo municipal da vivenda habitual do ou da estudante ata o Concello de Ourense. As bolsas serán dun máximo por estudante de 200 euros (para desprazamentos de 5 a 10 km); de 400 euros (de máis de 10 km a 30 km); 800 euros (de máis de 30 km a 50 km) e de 1000 euros (de mais de 50 km). O requisito xeral para presentarse é estar inscrita ou inscrito no padrón dos concellos da provincia de Ourense, distintos do Concello de Ourense, con 12 meses de antelación á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Tamén se establecen diferentes requisitos económicos referidos á rendas dos membros da unidade familiar e do patrimonio familiar.

Polo que se refire aos requisitos académicos son, entre outros, estar matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado en centros propios do campus de Ourense ou da Escola de Enfermaría de Ourense no curso 2023/2024 nun mínimo de 60 créditos ou da totalidade dos que lle permita a normativa da universidade, agás no caso de alumnado con discapacidade de grao igual ou superior ao 65%, que poderá reducir a carga lectiva ata un máximo de 50%. Esta axuda é complementaria e compatible coa bolsa de carácter xeral do Ministerio de Educación e Formación Profesional convocada por Resolución do 15 de marzo de 2023. Pola contra, é incompatible con calquera outra axuda da mesma natureza e para a mesma finalidade.  A solicitude realizarase a través da web da Universidade de Vigo, estando o prazo de presentación de solicitudes aberto ata o 25 de outubro. A persoa beneficiaria deberá estar matriculada na titulación oficial do campus de Ourense durante todo o curso académico 2023/2024 para poder manter a súa condición de bolseira.