Actos do presidente

PontUp Store chega á décima edición coa colaboración do Consello Social

2023-10-02T11:54:58+00:002 de Outubro de 2023|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios, Novas|

O venres 29 de setembro inaugurouse a X edición de PontUp Store cun programa que desenvolve máis de 30 actividades, acollendo  40 novas empresas que deron a coñecer os seus produtos e servizos. Iso neste ano 2023, pero as máis de 1300 candidaturas recibidas, 380 empresas participantes, 170.000 visitantes,  300 actividades complementariasorganizadas –nas que participaron preto de 600 expertos e expertas– fan o balance dunha década de traxectoria que converten a Pont-Up Store e á cidade de Pontevedra no espazo capital do emprendemento.

“Foi un longo percorrido, dez anos innovando, apoiando o emprendemento e espallando a cultura emprendedora na sociedade, que converteron este evento no referente dos novos proxectos emprendedores en Galicia e Pontevedra na capital do emprendemento galego”, salientou Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, no acto inaugural. Ao longo do venres e sábado,  40 novas empresas de diferentes puntos de Galicia deron a coñecer os seus produtos e servizos, á vez que se desenvolveron, en diferentes puntos da cidade, unha trintena de actividades complementarias.

Un dos múltiples stands na carpa do evento

Co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, o apoio da Deputación de Pontevedra mais o do Consello Social, e preto de 50 entidades públicas e privadas, a décima edición do Pont-Up Store foi inaugurada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa; o vicepresidente segundo da Deputación, Rafael Domínguez; o secretario xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Pablo Fernández, e a vogal do Estado no Consorcio Zona Franca, Ana Mejías. Todos eles puxeron o foco na importancia que tivo a implicación de diferentes institucións no impulso dun evento que edición tras edición converte Pontevedra na capital do emprendemento. Lantarón destacou que Pont-Up Store “reflicte a vitalidade, a creatividade e o espírito emprendedor que caracteriza a nosa Universidade”.

Ao longo desta edición, 32 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria, seleccionadas de entre 127 candidaturas e lideradas no 75% dos casos por mulleres, presentaron os seus produtos nos diferentes postos do recinto do evento, onde se deu a coñecer tamén outra vintena de iniciativas empresariais. Ademais,esta décima edición buscou tamén pór en valor a transferencia e a experiencia empresarial, cunha trintena de actividades complementarias nas que participan outros 50 emprendedores e emprendedoras.