A décimo segunda edición de Edugal, o Salón da Educación e Formación de Galicia, inaugurouse o mércores 4 de outubro no recinto feiral de Pontevedra, ao mediodía polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez. O evento, que visitan ao redor de 10.000 persoas, está promovido pola Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra (Aempe), co patrocinio do Consello Social da UVigo.
Este ano, da UVigo estiveron presentes 20 centros dos tres campus e a estes postos súmase un stand de información xeral, no que as e os visitantes poden obter información tanto das diferentes titulacións de grao e posgrao, como da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP). Nese senso, a presenza da institución académica abrangue preto dun terzo dos 62 stands cos que conta o salón nesta edición. “Todos os anos participamos en Edugal cunha representación importante de titulacións dos tres campus, xa que para nós non deixa de ser un escaparate ante o alumnado de bacharelato e ESO, que son os nosos potenciais clientes”, salientaba tras este acto a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. E puña o foco na oportunidade que este tipo de eventos supoñen para que futuros e futuras universitarias poidan coñecer as posibilidades que achegan “titulacións que teñen unha alta empregabilidade, pero unha baixa demanda neste momento”, pondo como exemplo os graos de Enxeñaría Forestal e Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos.