Colaboracións e patrocinios

Nova programación do grupo MaReMa para achegar as matemáticas ao estudantado do último ciclo de primaria e o primeiro de secundaria

2023-11-08T08:34:56+00:006 de Novembro de 2023|Colaboracións e patrocinios, Novas|

As matemáticas poden ser vistas como “unha ferramenta necesaria na vida cotiá e na comprensión do mundo”, contribuíndo a aumentar o interese e a curiosidade de nenos e nenas. Esta idea constitúe o punto de partida de Te lo cuentan las matemáticas, un proxecto de divulgación que levará a máis de 800 alumnos e alumnas de 13 colexios de Vigo e outros tres de Pontevedra a achegarse á utilidade social e tecnolóxica das matemáticas a través dunha serie de obradoiros impartidos por estudantado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e de encontros con investigadoras e investigadores.

“O que pretendemos é incrementar a cultura matemática dos escolares e xerar vocacións matemáticas”, salienta a profesora Marta Pérez, coordinadora deste proxecto do grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas), financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia de Innovación. A cuarta edición de Te lo cuentan las matemáticas conta un ano máis coa colaboración do Consello Social. Tamén colaboran a Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo e os CFR de Pontevedra e Vigo.

A programación está dirixida a complementar a ensinanza das matemáticas no último ciclo de primaria e o primeiro de secundaria, “desde un punto de vista científico, tecnolóxico, transversal, funcional, histórico e de xénero”. Te lo cuentan las matemáticas abrangue a realización de tres bloques de obradoiros ao longo do curso que serán impartidos por preto de 70 estudantes do Grao en Educación Primaria, en cada trimestre levarase a cabo un taller manipulativo e outro tecnolóxico en quinto de primaria e outros dous en sexto. Todos eles articúlanse arredor de aplicacións e profesións vinculadas con esta ciencia e de figuras de referencia, pondo especial énfase neste punto en outorgar visibilidade á traxectoria de mulleres matemáticas.

Mellorar a formación dos futuros e futuras docentes

Nos obxectivos do proxecto figura tamén, como explica Pérez, “mellorar a formación dos futuros e futuras docentes”, convertendo en protagonistas ao alumnado da facultade, así como contribuír ao labor do profesorado en activo. Nese propósito insírense as accións formativas que o grupo MaReMa desenvolve nos CFR de Pontevedra e Vigo, nunha edición na que o proxecto insírese no plan anual da Xunta de Galicia para a formación do profesorado.

Por outra banda, o persoal docente ten tamén á súa disposición na web do proxecto un conxunto de guías docentes, vídeos, materiais e recursos cos que poder levar ás aulas as diferentes actividades, que este curso contarán tamén cunha edición en galego. Do mesmo xeito, este proxecto permite tamén a creación dunha serie de materiais específicos, desde “máquinas criptográficas” a maquetas do globo terráqueo, deseñados para o traballo na aula e que, ao longo do curso, iranse entregando aos diferentes centros participantes.

Xunto á Perez, no proxecto participan os investigadores José Manuel Casas, Jesús Conde e Beatriz Álvarez, así como os docentes de primaria Lorena Fernández, Benito Gil, María Fernández e Abel, contando tamén coa colaboración dos investigadores da UVigo Xabier Garcia e Ixchel Dzohara Gutiérrez; Pilar Páez, da USC, e das matemáticas Olga Pérez e Andrea Villar.