Actos do presidente

O Consello Social e a AEMPE organizan unhas xornadas sobre intelixencia artificial en Pontevedra

2023-11-07T13:08:12+00:003 de Novembro de 2023|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios|

O pasado martes 31 de outubro, a Asociación de Empresarios da Mediana e pequena Empresa de Pontevedra, AEMPE, e mais o Consello Social da Universidade de Vigo, celebraron as “Xornadas sobre intelixencia artificial, desafíos e oportunidades”, prestando especial atención ao conglomerado das pemes.

O evento, que contou coa presenza do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, comezou cunha mesa redonda, na que os catedráticos Manuel Villares e Amparo Alonso destacaron a revolución que supuxo no procesamento de datos, pero tamén as ameazas e retos que acompañan á intelixencia artificial. Entre elas, a necesidade de lograr máis transparencia, a urxencia de blindar a privacidade fronte a esta nova forma de manexar información ou a obrigación moral de eliminar as tendencias cas que agora mesmo se importan e exportan os datos.

Para iso, ambos avogaron por impulsar unha regulación internacional proteccionista, que levante escudos fronte á influencia masiva na opinión, os deepfakes (imaxes e audios falsos) e o excesivo consumo enerxético. “Se seguimos así, estímase que en 2039 a intelixencia artificial consumirá o 30% dos recursos enerxéticos”, subliñou a catedrática da UdC. Esta precisou, ademais, que literalmente se entende como intelixencia artificial aquela que ten por obxectivo crear programas ou máquinas que sexan capaces de facer a mente humana, “polo que non é ouro todo o que reloce, senón que ás veces é simple software”.

A sesión continuou cunha intervención do presidente do Centro de Inteligencia Artificial de la Armada, o capitán de fragata Ramón Touza, e concluíu cunha mesa redonda sobre ciberseguridade, na que participaron expertos da Policía Nacional, o Grupo Isonor e Smartpeme.

Ademais, a inauguración contou coa asistencia do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Vietes, quen destacou o poder transformador da intelixencia artificial, pero tamén os retos que conleva, como a necesidade de financiamento por parte das pemes para poder subirse a este tren, o déficit de talento neste campo e a transición cara a métodos cada vez máis automatizados.