Colaboracións e patrocinios

O proxecto Odeón celebra un obradoiro con axentes sociais “sobre investigación en intervención climática”

2023-12-19T09:28:03+00:0028 de Novembro de 2023|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Persoal investigador dos grupos Environmental Physics Laboratory (EPhysLab) e Post-Growth Innovation Lab veñen desenvolvend, durante os dous últimos anos, o proxecto Limitacións e perigos da inxección de aerosois de sulfato: o caso de España (Odeón). No marco da súa programación, o venres 10 de novembro celebraron un obradoiro de consulta con axentes sociais sobre a investigación para intervir o clima do planeta e das cuestións éticas e perigos que implica. Participaron Juan Antonio Añel, Laura de la Torre e Mario Pansera (de esquerda a dereita, arriba na fotografía).

O obradoiro, titulado Taller sobre investigación en intervención climática, tivo o apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e celebrouse na Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense. Contou coa participación dunha ducia de persoas tanto da comunidade universitaria como de fóra dela. Durante a sesión, de carácter experimental, responsables do proxecto expuxeron as diversas técnicas de intervención climática que se están barallando, as liñas de investigación que se levan a cabo na UVigo sobre os impactos das mesmas e debateuse sobre as mesmas. A sesión enmarcouse na liña de traballo do proxecto de “investigación responsable e difusión dos resultados, incluíndo medios para a participación cidadá e o compromiso público, aumentando a concienciación sobre a intervención climática e, polo tanto, avanzando na mitigación do cambio climático”.

A actividade forma parte do proxecto de investigación Odeón, financiado pola Agencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación e polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Ten como investigadores principais a Laura de la Torre e Juan Antonio Añel, físicos de EPhysLab, e conta cunha ampla presenza do grupo do campus de Pontevedra Post-Growth Innovation Lab, con Mario Pansera (o seu director), Javier Lloveras e Brais Suárez. De fóra da UVigo están implicadas entidades como o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de Estados Unidos (NCAR) e The State University of New Jersey (Rutgers). Trátase, indican desde o proxecto, dun equipo multidisciplinar formado por investigadores do eido científico (EPhysLab) e social (Post-Growth Innovation Lab) elixido para implementar un marco de investigación e innovación responsable, en liña co enfoque promovido polos programas de investigación da UE e tamén polo Plan Nacional de Investigación 2021-2023, que, sinalan, fomenta a co-creación de coñecemento científico e a aliñación da I+D cos intereses sociais. Deste xeito, subliñan, Odeón tratará de achegar “os seus resultados á sociedade a través do compromiso efectivo coas partes interesadas” e levando a cabo accións como a celebrada este venres.

Impacto na atmosfera, na enerxía solar e na calidade do aire

Segundo explica Juan Antonio Añel, “neste proxecto avaliamos os impactos de contrarrestar os efectos do cambio climático utilizando técnicas de intervención climática, cun  foco especial nunha técnica baseada en aumentar os aerosois na estratosfera da Terra. Esta técnica reduciría a cantidade de enerxía solar que chega á superficie, reducindo polo tanto a temperatura na mesma”. Trátase, detalla o físico da UVigo, de “imitar o comportamento dos volcáns que inxectan aerosois na estratosfera e arrefrían así o planeta”. Alén de centrarse en estudar os impactos destas técnicas na estrutura da atmosfera do planeta, no proxecto tamén se afonda no seu potencial impacto na produción de enerxía solar e na calidade do aire en España. A metodoloxía empregada abrangue a comparación de datos de simulacións de modelos climáticos existentes de proxectos internacionais sobre intervención climática (por exemplo GeoMIP e GLENS), a reanálise de última xeración (por exemplo MERRA2 e ERA-5) e simulacións de control do cambio climático que abarcan o período 1980-2100.

O último informe de avaliación do IPCC (AR6), sinalan desde Odeón, indica que o quecemento inducido polo home en 2011-2020 alcanzou entre 0,99 °C e 1,10 °C en comparación con 1850-1900. Entre o 20% e o 40% da poboación do planeta vive en rexións que, entre 2006 e 2015, apuntan, xa experimentaran máis de 1,5 °C de quecemento polo menos nunha estación. Deste xeito, explican desde o proxecto, os obxectivos establecidos polo Acordo de París xa se viron seriamente comprometidos e as emisións de carbono seguen aumentando desde 2010. “Neste contexto, as técnicas de intervención climática póñense sobre a mesa de xeito recorrente como medida potencial de adaptación complementaria á mitigación”, afirma Juan Antonio Añel, apuntando a necesidade polo tanto de avaliar cientificamente os seus posibles impactos e conveniencia. Así, no marco deste proxecto da UVigo o pasado mes de xullo un equipo internacional formado por especialistas de 13 centros de investigación de sete países, entre eles o citado físico do campus de Ourense, publicaron na revista Nature Communications un estudo que supón “o  primeiro cálculo de que sería necesario e que consecuencias tería tentar mitigar o cambio climático eliminando metano da atmosfera empregando cloro”, apuntando entre os resultados que hai “efectos perniciosos que non fan recomendable” o uso desta técnica.