O obxectivo do ciclo que promove a Vicerreitoría do campus de Pontevedra, co patrocinio do Consello Social, é afondar en como a innovación “revolucionou” diferentes oficios tradicionais. Cada sesión combina unha presentación do oficio cunha exhibición dos procesos de traballo. Esta actividade contará coa participación da deseñadora téxtil Inés Rodríguez, finalista en 2020 do Premio Nacional de Artesanía, a redeira Ángeles Mille e a ceramista Laura Delgado, recoñecida o pasado ano co Premio Artesanía de Galicia. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
O ciclo A revolución nos oficios tradicionais mediante a innovación desenvolverase os xoves 16, 23 e 30 de novembro, de 17.00 a 20.00 horas, na Casa das Campás, dando continuidade a unha iniciativa que o ano pasado permitiu achegarse á fabricación artesá de cestas, zocas e gaitas. Estas xornadas poñen o foco en como “a partir da innovación, oficios tradicionais convertéronse en negocios que transcenden as nosas fronteiras”, como sinala Luis Torres, que incide no interese que ten, no marco do proxecto de especialización Campus Crea, poder afondar “nas aplicacións da creatividade á industria” e en como estas tres artesás realizaron proxectos “para grandes empresas de sectores como o da moda”.
O primeiro evento é o xoves 16, coa participación da artesá Inés Rodríguez, impulsora de Rir & Co, un obradoirode elaboración de tecidos artesanais con sede en Allariz. O traballo desenvolvido por esta deseñadora téxtil, tanto na confección de tecidos como na creación de pezas propias, foi recoñecido con distincións como o segundo premio á excelencia investigadora para mulleres no medio rural, que lle outorgou o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en 2020, ano no que tamén foi finalista do Premio Nacional de Artesanía na categoría de emprendemento. Á semana seguinte, a protagonista será Ángeles Mille, presidenta da asociación de redeiras O Fieital, de Malpica de Bergantiños, que afondará nas súas preto de tres décadas de traxectoria como redeira artesá e no uso das redes de pesca en ámbitos como a fabricación de complementos de moda. Pecharase o ciclo o 30 de novembro Laura Delgado, responsable dun obradoiro de cerámica en Cambre, onde crea produtos para cociñeiros como Lucía Freitas e que en 2022 acadou o Premio Artesanía de Galicia por unha colección de vasos inspirada no entroido galego.
Concerto de Ailá
Estas xornadas enmárcanse na programación cultural da Vicerreitoría do campus, na que se insire tamén o ciclo Músicas para reCREAr, que o mércores 15 de novembro, ás 21.00 horas nun concerto con entrada gratuíta, traerá ao Teatro Principal o grupo Ailá, unha formación que aposta por achegar novas sonoridades á música tradicional galega.