O 74% das persoas graduadas na Universidade de Vigo no curso 2019/20 está traballando e a inmensa maioría faino en Galicia, desenvolvendo funcións de nivel universitario, nun emprego por conta allea na empresa privada, a tempo completo e con estabilidade laboral, é dicir, con contrato fixo ou indefinido. Así se determina nos dous últimos informes publicados polo Observatorio de Persoas Tituladas, un estudo realizado co apoio do Consello Social no que se analiza en detalle a inserción laboral das persoas tituladas da UVigo en estudos oficiais de grao e mestrado no curso 2019/2020.
Nese curso tituláronse pola UVigo preto de 4000 persoas -3947-, das que 1079 participaron neste estudo, un traballo que consistiu na aplicación de dúas enquisas sobre empregabilidade -unha para cada tipoloxía de estudos-,realizadas entre o 5 de outubro e o 10 de novembro de 2022, unha vez superados os 18 meses de teren saído das aulas.
Segundo os resultados feitos agora públicos, a taxa de ocupación dos residentes en Galicia (72,9%) é lixeiramente inferior á rexistrada noutras comunidades autónomas (77,6%) e no estranxeiro (85,2%) e, nesta liña, tamén se destaca que a proporción de mulleres que traballan fóra de Galicia (17,7%) é significativamente inferior á emigración masculina (22,1%).
O 15% segue estudando e un 10% está desempregado
Ao respecto das persoas que se atopaban nunha situación de inactividade, o 15% das persoas participantes explicaron que non traballaban nin procuraban emprego por estar dedicadas integramente a preparar oposicións (7,9%) ou seguir estudando (6,9%) e, no que respecta á preparación de oposicións, hai tamén quen concilia este labor co traballo remunerado (2,4%). Un 10,9% das mostra admitiu estar en situación de desemprego, afectándolle máis esta situación ás mulleres (11,8%) ca aos homes (9,6%).
O 93,2% dos titulados/as que traballaban no momento de responder á enquisa facíano por conta allea -o 70% na empresa privada-, sen diferenzas significativas por sexo (94,1% de homes contra 93,4% de mulleres) e, a maioría, admitiu gozar de estabilidade laboral por estar a traballar con contrato fixo ou indefinido (61,8%), sendo superior a masculina (64,1%) á feminina (60,2%).
Os sectores que empregan a máis titulados/as son ensino/docencia (15,9%), seguido polo sanitario/saúde (8,2%), enxeñaría (7,5%), investigación e actividades científicas (6,2%), consultaría (5,7%) e alimentación/industria alimentaria (5,1%).
Unha nova entrega dun “forte traballo de monitorización”
Para Luis Espada, director do Observatorio de Persoas Egresadas, a medición dos indicadores de empregabilidade e da satisfacción cos estudos realizados é “unha ferramenta chave para que a UVigo conte con información fiable e útil de cara á mellora da calidade dos estudos ofertados e a formación do estudantado das seguintes promocións”, incidindo neste senso en que, “sen a participación desinteresada dos antigos estudantes que responderon as enquisas propostas polo observatorio o estudo que agora presentamos non tería sido posible”.
Pola súa parte, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, salientou entender “como unha obriga do Consello Social crear os instrumentos precisos para que a investigación e o coñecemento que produce a universidade se transforme en economía produtiva”. Por iso, destacou, parecerlle acaído entender que esta nova entrega “afianza e ensancha” as prestacións da UVigo. “O traballo de monitorización que se está a facer posibilita unha sociedade máis instruída con datos e con criterios, asentada na seguridade que proporciona dispor de información”, recalcou Pedrosa.