O Consello Social deu este xoves o seu visto e prace ao orzamento da UVigo para 2024, que será o máis elevado da súa historia, situándose nos 248,8 millóns de euros, un incremento do 9,17% respecto ao do presente exercicio. A Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra acolleu o pleno que tivo como punto central a ratificación dun orzamento que será remitido á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. Así mesmo, tamén deu o seu visto e prace ao teito de gasto da UVigo para o vindeiro ano, que se sitúa nos 180,2 millóns de euros, e informou favorablemente das ofertas de emprego público para persoal docente e investigador e de administración e servizos da Universidade. [Na imaxe superior, vista da mesa presidencial do pleno].
A captación de fondos a través deste tipo de convocatorias foi unha das cuestións destacadas polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, que definiu como un “fito” a ratificación do “orzamento máis elevado” na historia da institución, lembrando que este “pasou nuns poucos anos de 182 millóns a 248”. As contas da institución académica foron presentadas pola xerenta, Yolanda Lesmes, que explicou que o capítulo de persoal continuará sendo o que teña maior peso no orzamento de gasto no vindeiro exercicio, representando un 58% do total, un 6,47% máis que no actual exercicio.
Ratificación da oferta de emprego público

Vista xeral do pleno
Nunha sesión “de contido basicamente eocnómico” da que Pedrosa destacou “a elevada asistencia”, ao contar coa participación de 29 dos 31 compoñentes deste órgano, procedeuse tamén á aprobación do orzamento do Consello Social para 2024, á vez que se ratificaron as ofertas de emprego público da Universidade para 2023, aprobadas en novembro polo Consello de Goberno. Trátase, por unha banda, dunha oferta para persoal docente e investigador (PDI) que ascende a 160 prazas, das que 50 corresponden a profesorado titular e 80 a profesorado permanente laboral, ás que hai que sumar 30 prazas de promoción interna de catedrático; e doutra de persoal e administración e servizos. Esta última comprende 14 prazas, oito do subgrupo A1, catro do subgrupo A2; unha do C1 e outra do C2; das que, en conxunto, catro corresponden á promoción interna, nove serán de acceso libre e unha última forma parte da cota de reserva para persoas con discapacidade.
Por outra banda, o pleno tamén informou favorablemente da modificación do título de Máster Universitario en Biofabricación, aprobada este luns polo Consello de Goberno, valorou as conclusións dunha auditoría operativa sobre procedementos aplicados na xestión dos activos patrimoniais da UVigo e aprobou a modificación dos prezos públicos polos servizos deportivos da Universidade para 2024.