O profesor Ricardo Cao Abad tomou posesión na mañá do martes 16 de xaneiro como reitor da Universidade da Coruña nun acto institucional celebrado ante multitude de persoas no Paraninfo da Reitoría e no que tamén tomaron posesión dos seus cargos os membros do novo equipo de goberno na UDC.
O acto de investidura estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación, Formación e Universidades, Román Rodríguez González; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García; e os presidentes dos Consellos Sociais das tres universidades públicas galegas: Antonio Abril Abadín, da Universidade da Coruña; Cecilia Sierra Rey, da Universidade de Santiago de Compostela; e Ernesto Pedrosa Silva, da Universidade de Vigo. Tamén asistiu o reitor saínte da UDC, Julio Abalde Alonso.
A sesión comezou coa intervención de Julio Abalde, quen pronunciou o seu último discurso como reitor en funcións, felicitando a Ricardo Cao e ao seu equipo e desexándolles moita sorte nesta nova etapa. Abalde fixo un repaso do que foi o seu período de goberno, que entre outras vicisitudes, pasou por unha pandemia “á que a UDC fixo fronte grazas á súa infraestrutura tecnolóxica e metodolóxica, e da que coa responsabilidade e colaboración de toda a comunidade universitaria a institución saíu reforzada”.
O reitor saínte agradeceu emocionado ás persoas que o acompañaron durante o seu mandato, coas que formou un “equipo conxuntado e solidario, pero sobre todo, un grupo de amigos e amigas que traballamos nun proxecto común e ilusionante en defensa dunha universidade pública, galega, de calidade e innovadora”.
Tras o seu discurso de despedida, Abalde entregou o bastón de mando e a medalla de reitor a Ricardo Cao, quen a continuación tomou posesión do seu novo cargo, seguido da nova secretaria Xeral, Marta García Pérez, e o resto das persoas que compoñen o equipo de goberno.
O novo reitor pronunciou o primeiro discurso do seu mandato, afirmando que desenvolverá a súa acción de goberno baixo o lema que entende a universidade pública feita entre todas as persoas; “por e para todas as persoas”, puntualizou. “Toda a comunidade universitaria ten que ser escoitada”, indicou, “mais tamén ten que poñerse mans á obra para facer da UDC a mellor universidade posible”, engadiu.
Posteriormente, o novo reitor resumiu as propostas do seu equipo de goberno de cara ao futuro, tomando tres versos do himno galego como referencia: “Os tempos son chegados”, “Esperta do teu sono” e “Os bos e xenerosos”.
Segundo Cao, “os tempos son chegados de facer unha aposta clara e inequívoca pola universidade pública de calidade. Neste sentido, recordou que entre os aspectos positivos da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), se atopa o aumento do financiamento ás universidades públicas ata chegar ao 1% do PIB no ano 2030. “Temos que aproveitar o establecido na LOSU para conseguir que as administracións públicas, e nomeadamente a Xunta de Galicia, incrementen o financiamento ás universidades”, comentou.
Con “esperta do teu sono”, Ricardo Cao referiuse á necesidade de acometer cambios, algúns deles estruturais. “A renovación xeracional do persoal, e nomeadamente a do persoal docente e investigador, é unha necesidade urxente”, afirmou. “Tamén o é intensificar a participación da comunidade universitaria nos órganos de goberno e nos procesos de decisión, afondando na corresponsabilidade na gobernanza, mudando o que haxa que mudar e traballando arreo de cara aos obxectivos fixados”, engadiu.
Co verso “os bos e xenerosos”, o novo reitor resume algúns aspectos que considera fundamentais e “que están no ADN da acción de goberno desenvolvida nos últimos 20 anos na UDC: a igualdade de oportunidades para o estudantado e tamén para o persoal, a xustiza social e a rendición de contas”, mais tamén cuestións como “o aumento da eficiencia na xestión e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS)”.