Acceso directo aos responsables de selección de máis dun cento de empresas de diversos sectores (Abanca, Bimba y Lola, Coren, Decathlon, Deloitte, Leroy Merlin, Grupo Zendal…), mesas redondas, obradoiros ou un posto específico no que facer unha foto de calidade coa que a alumna ou alumno poida actualizar o seu CV ou redes sociais profesionais. A feira EMPREGOinCAMPUS únese este ano á 3ª edición de FUNDAMENTAL: Foro de Talento, promovido pola Fundación Mentor, uníndose así dúas iniciativas que naceron co obxectivo común de facilitarlle a empregabilidade ao estudantado. Será os días 27 e 28 de febreiro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, con asistencia de balde e abertas ao público en xeral, previa inscrición.
“Ademais de coas diferentes escolas e facultades, este ano colaboramos estreitamente co Foro Fundamental, vinculando a feira coas actividades complementarias que forman parte do foro e que achegan moitísimo valor á formación do alumnado”, resalta a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, ao tempo que explica que as actividades do foro están pensadas para que sirvan de inspiración ao alumnado en diversas temáticas, “pero, sobre todo, son charlas e mesas redondas nas que se tratan valores esenciais de desenvolvemento persoal, o que é clave para acadar unha traxectoria profesional exitosa”. Entre outras, contarase cun monólogo do actor cómico Leo Harlem, unha charla da atleta paraolímpica Desirée Vila, así como do ex-xogador de baloncesto, subcampión olímpico, Juan Manuel López Iturriaga.
Todas as actividades concentradas nun mesmo lugar
A idea é que haxa unha retroalimentación entre o alumnado que asistirá a estas actividades e a feira, xa que ambas compartirán os espazos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, “sen necesidade de trasladarse a outras zonas do campus ou da cidade, como viña acontecendo en convocatorias anteriores”.
Dentro da feira EMPREGOinCAMPUS mantéñense as actividades do Pasaporte de Empregabilidade que promove a Área de Emprego e Emprendemento. Unha das que máis éxito tivo na anterior edición foi o Servizo de Fotografía, polo que pasaron centos de estudantes, así como a revisión dos CV para todas as persoas que queiran asegurarse contar cun documento acorde aos seus coñecementos, competencias e capacidades.
A entrega do CV ás empresas faise a través dun código QR que se xera cando as persoas candidatas (estudantes e alumni) se rexistran.
Novas citas co emprego en marzo e abril
Á celebración de EMPREGOinCAMPUS e do Foro FUNDAMENTAL, sumaráselle os días 5 a 7 de marzo o Foro Tecnolóxico de Emprego, onde haberá unha maior representación de empresas que buscan talento nos ámbitos das enxeñarías; e nunha terceira feira, tamén xenérica pero cunha maior representación de empresas do ámbito agrobiolóxico, turístico e da intervención social no campus de Ourense o día 18 de abril.
O Consello Social é unha das entidade que colabora con esta Feira.