O Consello Social e a Xerencia da Universidade de Vigo organizan unha xornada de formación para persoal pertencente á Universidade de Vigo sobre a prevención da fraude e dos conflitos de interese.
No marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), ditouse como normativa básica a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión das subvencións vinculadas ao PRTR. Neste inclúese orientación detallada sobre medidas de prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e o conflito de intereses.
Na citada orde configúranse, como actuacións obrigatorias para os órganos xestores, a avaliación de risco de fraude, a sinatura da declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI) e a dispoñibilidade dun procedemento para tratar conflitos de intereses. A elección das medidas de prevención e de detección déixase na citada orde ministerial a xuízo da entidade que asuma a responsabilidade de executar os fondos, atendendo ás súas características específicas. Con todo, esixe que o correspondente Plan de medidas antifraude cumpra os requisitos mínimos incluídos no seu articulado. Un dos apartados imprescindibles dos plans antifraude é o relativo á formación sobre fraude e conflitos de interese.
O obxectivo desta acción formativa é que todas as persoas participantes adquiran conciencia sobre a necesidade de loitar contra a fraude, a corrupción, os conflitos de intereses e o dobre financiamento, ademais de adquirir habilidades para identificar e responder aos presuntos casos nos que se materialicen os citados riscos e que haxa unha transferencia de coñecementos a través de compartir experiencias.
A xornada celébrase na Sala Manolo Ramos do edificio Ernestina Otero do Campus de Vigo na mañá do 29 de febrero de 2024.