Colaboracións e patrocinios

500 estudantes participan en EmpregoInCampus e Foro Fundamental, que contou coa colaboración do Consello Social

2024-03-05T09:31:31+00:004 de Marzo de 2024|Colaboracións e patrocinios|

Conectar empresas e estudantes, facilitando a chegada ao mercado laboral de todo o talento que agroma nas aulas. Este é o grande obxectivo co que o martes 27 de febreiro arrincou no campus de Vigo a primeira gran cita do ano co emprego universitario, EmpregoInCampus, evento que por primeira vez se fai coincidir en tempo e lugar con Fundamental: Foro de Talento, promovido pola Fundación Mentor, dúas iniciativas que unen forzas co obxectivo de facilitar a empregabilidade ao estudantado. Inscribíronse preto de medio millar de alumnas e alumnos que buscan a oportunidade de coñecer máis de preto as posibilidades que achegan o medio cento de empresas que participan na edición viguesa da feira.

Coa Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais como escenario, o rebulir de persoas foi constante tanto nos corredores centrais do centro, nos que se sitúan os postos das empresas participantes, como nos diferentes espazos que este martes e mércores cambian a actividade académica pola ‘empresarial’, incluíndo a presentación das diferentes firmas participantes con obradoiros, mesas redondas e actividades de carácter lúdico como o monólogo do  actor cómico Leo Harlem.

“Pulir o talento” e achegalo ao mercado

A inauguración da feira reuniu no vestíbulo central a un amplo número de representantes, tanto do ámbito académico como empresarial.

Pulir o talento que chega ás aulas e que a sociedade galega saque partido dese talento e se converta en ariete de desenvolvemento foi un dos conceptos repetidos por promotores e patrocinadores, así como na necesidade de que o talento que se está formando se achegue ao tecido produtivo galego, ávido de recibir persoal cualificado, para o que este tipo de eventos resultan fundamentais. O Consello Social foi unha das entidades colaboradoras.

Foro Tecnolóxico de Emprego, a próxima semana

Á celebración de EmpregoInCampus  e do Foro Fundamental, sumaráselle a vindeira semana o Foro Tecnolóxico de Emprego, do 5 ao 7 de marzo, onde haberá unha maior representación de empresas que buscan talento nos ámbitos das enxeñarías.

Tamén, hai que lembrar que o xoves 18, terá lugar en Ourense unha nova edición de EmpregoInCampus, onde se intensificará a representación de empresas do ámbito agrobiolóxico, turístico e da intervención social.

Abaixo podemos ver o vídeo do evento realizado por UVigoTV