Dúas consideracións para abrir esta sesión formativa e darlles a benvida:
Por unha banda, a LOSU, no seu artigo 47, asigna ao Consellos Sociais a función de velar polo cumprimento dos principios éticos e de integridade académica, así como das directrices antifraude. Os Consellos convimos que velar debe entenderse como control efectivo e real, aínda que admitimos que é susceptible de interpretacións. Isto supón que se non funciona o compliance dentro da universidade, a responsabilidade pasa a ser do CS.
Por outra banda,no plan de medidas antifraude aprobado por Resolución do reitor desta universidade, de 10 de febreiro de 2022, fálase de formación antifraude. No “Artigo 5. Xerencia” di: Sen prexuízo das funcións ordinarias que xa ten encomendadas, en execución do Plan de medidas antifraude, corresponderá á Xerencia o exercicio das seguintes funcións:
a. Planificar e programar as actividades de formación ao persoal que se establecen como medidas de prevención.
Á súa vez, no cuestionario para a avaliación do risco de fraude, existe unha pregunta que di claramente:
6. Impártese formación que promova a Ética Pública e que facilite a detección da fraude?
De todo o devandito, e porque a cultura de compliance nas universidades públicas necesita incentivos, é polo que xorde a necesidade de planificar formación periódica e pornos a traballar nesta dirección. Empezando por unha formación obrigatoria que as universidades deben tomar en serio, sobre todo as que participan na execución dos fondos europeos a través do PRTR. Porque o rexeitamento das praxes fraudulentas debe ser sistémico, metodolóxico e proactivo. E débese facer desde o maior coñecemento posible.
Por iso optamos por propor á xerente esta xornada de formación para responsables universitarios, xestores, persoal directivo e cadros técnicos, sobre prevención da fraude e os conflitos de interese, para que adquiran capacitación para identificar e responder os casos nos que se materialicen eses riscos, ademais de unificar criterios e compartir experiencias. E aquí estamos. Para que a universidade non sexa un ecosistema aparte.
Con esta convocatoria, desde o Consello queremos difundir que estamos implicamos nesta aprendizaxe como parte da nosa tarefa de rendición de contas e de supervisión das actividades económicas da universidade. Agora temos tamén o deber de ser dilixentes coas novas competencias que nos outorga a LOSU de afastar irregularidades, incluso as excepcionais ou as pequenas. É tempo de transmitir que a ética é a mellor ferramenta para comportármonos conforme a dereito. Evitar o delito, si; pero aspirando a algo máis.
Ben. Os relatores son dous expertos recoñecidos neste campo. Moi recoñecidos. Mesmo didácticos e entretidos. E os presentes, só polo feito de asistir, acreditan ser responsables. Moi responsables. Agradézollo. Agradecémosllo, porque necesitamos profesionais expertos e con formación específica, para transmitir que na universidade hai unha altura corporativa, normas e valores. E unha reputación que defender. Sen esquecer que a ética é das persoas, non das organizacións.
Grazas a todos por compartir o afán de facer a mellor UVigo posible. Grazas á xerente, Yolanda, por facilitar o camiño. E grazas aos relatores, Antonio e José Ramón, por vir contarnos como.
Esta dispoñible a intervención do presidente do Consello Social na inauguración da Xornada