A Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Consello Social da Universidade de Vigo manteñen neste 2024 unha liña de colaboración centrada no impulso de iniciativas ligadas ao proxecto de especialización Campus Crea. Nesta colaboración insírense as novas edicións das Xornadas de Investigación Campus Crea e do ciclo Pensamento e creación, así como a posta en valor das coleccións universitarias, a través da elaboración de guías didácticas centradas no arboreto, na xiloteca da Escola de Enxeñaría Forestal e na colección de materiais audiovisuais da Facultade de Comunicación.
“O apoio do Consello Social, xunto co doutras institucións, é fundamental para o desenvolvemento do campus”, sinala a vicerreitora, Eva María Lantarón, que destaca a aposta deste órgano por iniciativas centradas “no que a Universidade pode achegar á sociedade e do que a sociedade pode achegar á Universidade”. Ao mesmo tempo, destaca Lantarón, iniciativas como as xornadas de investigación contribúen tanto a “mellorar as capacidades do alumnado” como “ao desenvolvemento do Campus Crea e a súa acreditación”.
O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, apunta que se trata “dunha colaboración moi satisfactoria, porque redunda nos estudantes”, incidindo na importancia de que o alumnado “estea implicado no proceso de especialización do Campus Crea desde os seus inicios”, así como a importancia de promover iniciativas que permitan xerar “vínculos coa sociedade, que é a principal misión do Consello Social”.
Dar a coñecer o campus e o que nel se investiga
Entre as actividades que o Consello Social patrocinará neste 2024 atópase a cuarta edición das Xornadas de Pensamento e Creación coa colaboración da Aula Castelao de Filosofía, as Xornadas de Investigación Campus Crea, e en pabras do director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, “continuar coa posta en valor das coleccións universitarias”, financiando neste caso “a realización de unidades didácticas para os diferentes niveis da ESO centrándose na xiloteca da EE Forestal, na colección de materiais audiovisuais que pode observarse no primeiro andar da Facultade de Comunicación e no arboreto do campus, que conta cunha ruta de preto de dous quilómetros, que permite ir contemplando as máis de 350 árbores de 54 especies.