[Nova publicada o 22 de abril]
A Feira EmpregoInCampus, celebrou o xoves 18 de abril a súa segunda edición na que o estudantado dos nove centros puido coñecer de primeira man as oportunidades de desenvolvemento profesional que lles ofrecen 70 entidades públicas e privadas de diversos sectores.
A actividade, que se desenvolveu no pavillón de deportes universitario, estivo organizada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e do Consello Social. Contou con 42 stands, dez mostradores informativos de institucións e unha zona específica na que alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática puido realizar entrevistas persoais con 25 empresas. A listaxe de entidades participantes na feira foi moi diversa e o estudantado puido achegarse a postos de empresas e organizacións de sectores vinculados ás diferentes titulacións que se imparten no campus ourensán, desde a alimentación e a enxeñaría ata asociacións de diferentes eidos e centros tecnolóxicos. Igualmente participaron institucións como a Xunta de Galicia, o Inorde (Deputación de Ourense), a Axencia Tributaria e o Ministerio de Defensa. Tamén houbo un espazo específico da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo no que o estudantado tiña a posibilidade de facer o seu Pasaporte de Emprego, recibir consellos sobre como mellorar o currículo e afrontar entrevistas e mesmo facerse unha foto profesional para o seu curriculum.
Catrocentos estudantes inscribíronse ben para a feira ben para as entrevistas de Enxeñaría Informática, cifra á que hai que engadir o estudantado que se presenta por libre, xa que está aberta ás persoas interesadas. Entre as e os primeiros estudantes que este xoves se achegaron ao pavillón de deportes estiveron Irene Penas, Lucía Fociños e Sandra Pardo, alumnas de primeiro curso do Grao de Dereito, que acudiron coa idea de “ir vendo horizontes profesionais” e poder ir enfocando a súa formación. A súa boa impresión da feira foi compartida por Anwer Nagi e Alicia Rojo, estudantes de cuarto curso do Grao de Enxeñaría Informática. “A feira paréceme unha boa oportunidade para achegarse ao mercado laboral, un bo punto de encontro no camiño da transición da vida universitaria á laboral”, explicou Anwer Nagi, especialmente interesado no eido da ciberseguridade. “A feira permítenos botar unha ollada ao mercado laboral e iso é moi interesante”, engadiu Alicia Rojo.