Entre o 18 e o 21 de xuño, Pontevedra será sede do congreso internacional ESEE-Degrowth 2024, que, baixo a coordinación do grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab, da UVigo, reunirá os principais expertos e expertas no eido do decrecemento e a economía ecolóxica. Co propósito de achegar á cidadanía algunhas das temáticas que se abordarán no congreso, a súa celebración vén precedida pola Primavera do Decrecemento, un conxunto de coloquios que terán lugar nas tardes dos xoves en diferentes emprazamentos da cidade. Desde a perspectiva do decrecemento e o poscrecemento, que pon o foco en como as sociedades poderían prosperar sen necesidade dun crecemento económico continúo, este ciclo afondará en cuestións como o cambio climático, o acceso á vivenda, a relación coas tecnoloxías ou a renda básica universal.
Promovida polo Post-Growth Innovation Lab, co apoio da Universidade, do Consello Social e o Concello de Pontevedra entre outros colaboradores, o obxectivo desta programación é debater “sobre diferentes temas de interese social” e achegar á cidadanía “distintas perspectivas sobre o decrecemento”, como sinala Mario Pansera, director do grupo de investigación. Conformado por nove faladoiros e obradoiros con entrada libre, a Primavera do Decrecemento arrancou o xoves 11 e continuará desenvolvéndose ata a semana previa á celebración da conferencia.
Do acceso á vivenda á “desdixitalización” da ensinanza
Da man dos investigadores da USC Rosa María Regueiro e Xosé Ramón Doldán, que analizarán o impacto de diferentes produtos cunha mesma función, o ciclo trasladarase a semana seguinte á cervexaría Nasa, onde “exporase o escenario de acceso á vivenda actual en Pontevedra”, nun faladoiro co antropólogo Juan Rodríguez Medela e do Sindicado de Inquilinas Vigo-Tui-Baixo Miño. O xoves 25, o Pazo de Mugartegui acollerá un coloquio sobre finanzas éticas, a cargo de Diego Domínguez, de Fiare Banca Ética, mentres que o 30 de abril terá lugar, na Casa das Campás, o cine-fórum Traballar para vivir ou vivir para traballar? – Replantexar o traballo, centrado na traxectoria do teórico da economía política André Gorz.
Xa en maio, o xoves 9 desenvolverase o obradoiro Tecnoloxías conviviais, coas intervencións de Pansera e de integrantes da ONG Enxeñaría Sen Fronteiras, e sete días despois celebrarase un debate sobre a “desdixitalización” da ensinanza, da man de Ecoloxistas en Acción. O 23 de maio terá lugar unha mesa redonda que reunirá diferentes “colectivos en loita contra actividades industriais concretas de alto nivel ambiental”, como son Asociación Pola Defensa da Ría e das plataformas “Mina Touro – O Pino Non” e “Eólicos, así non”, co propósito de afondar no “falso dilema entre economía e ecoloxía”, como destacan desde o grupo de investigación . Á semana seguinte, o técnico de MeteoGalicia Pablo Casares falará na Casa das Campás dos “posibles escenarios climáticos que poderían darse en Galicia”, partindo das previsións do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático da ONU.
Peche no Museo de Pontevedra
Xa no mes de xuño, o Museo de Pontevedra acollerá o xoves 6 un debate dirixido a “poñer en diálogo dúas propostas económico-políticas fronte os límites planetarios”; a renda básica universal, da man o investigador da Mondragon Unibertsitatea (Universidade de Mondragón) Julen Bollaín, e o traballo garantido, coa intervención de Eduardo Garzón, da Autónoma de Madrid. Esta programación pecharase a seguinte semana cunha mesa redonda centrada en como “a existencia de límites ao crecemento e a necesidade de actuar con urxencia xeran un enorme rexeitamento en amplos segmentos da sociedade”. Este coloquio contará coas intervencións de Eva Saldaña, directora executiva de GreenPeace España; Luis González, excoordinador confederal de Ecologistas en Acción; Inés Entenza, do movemento Juventud por el Clima; Olga García, de Rebelión Científica, e Jorge Zhou, de Extinction Rebellion.
Unha cita que prevé reunir preto de mil persoas
A Primavera do Decrecemento insírense nas actividades do congreso no que se agrupan a 15 Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento. Coa previsión de reunir preto dun milleiro de persoas, a organización mantén nestas semanas aberta a súa inscrición, tanto para os investigadores e investigadoras, como para as persoas que acudan como oíntes. Así mesmo, ata o 30 de abril será posible tamén inscribirse para colaborar co evento como voluntarios e voluntarias, tarefa que será recoñecida con 1,3 créditos ECTS para o alumnado da UVigo.