“Un salto abismal” din os estudantes membros de UVigo SpaceLab da súa nova estación terrea. Unhas instalacións situadas no edificio Filomena Dato que se converterán no “corazón do procesamento da sinal e futuro centro de control para a misión espacial BIXO”, algo no que levaban máis dun ano traballando para a súa completa posta a punto e que agora se converte en “pedra angular” para o futuro éxito da misión.
“Esta nova estación ten unha inmensa vantaxe respecto a todas as que houbo ata o de agora na Universidade e que se resume na súa altísima taxa de descarga de datos, grazas a que está dotada de banda S, fronte ás anteriores que eran en banda UHF”. En que se concreta isto? Entre outros moitos, un exemplo: “se desde o satélite se saca unha foto e se quere descargar, coas antenas das que dispoñiamos ata o de agora tardariamos unha semana en poder facelo, en cambio coa antena da nova estación pode facerse en apenas un día”.
Unha “impresionante” capacidade de control remoto
Un dos aspectos máis destacados é a “impresionante” capacidade da estación para ser monitoreada e controlada remotamente. Neste aspecto, os responsables de UVigo SpaceLab apuntan que mediante as cámaras de alta definición instaladas arredor da antena e noutros puntos estratéxicos, pódese dirixir e axustar a infraestrutura desde calquera parte do mundo. “Esta capacidade non só é crucial para operacións que requiren axustes precisos de maneira inmediata, senón que tamén demostra o alto grao de autonomía e flexibilidade que a tecnoloxía moderna achega ao seguimento dos satélites”.
Manexo de múltiples zonas horarias en tempo real
Outro dos aspectos máis innovadores da estación fai referencia ao seu manexo de múltiples zonas horarias en tempo real, “o que resulta esencial para a coordinación con outras estacións terreas e operacións satelitais a nivel global”. Esta capacidade asegura que a comunicación co satélite BIXO poida ser sincronizada con precisión, “independentemente da posición orbital do satélite ou a localización de colaboradores na terra”, un aspecto de elevada importancia dada a necesidade de coordinación requirida neste tipo de operacións espaciais.
O novo espazo albergará as bases de datos e software de control, ademais de servir como núcleo para a simulación electromagnética e estrutural. Esta capacidade de simulación resultará básica, segundo indicaron as alumnas e alumnos, para o deseño de antenas e para modelar estruturas dentro do ámbito espacial.