Actos do presidente

Campus Crea: Novos comités consultivos e o Consello Reitor, ao que pertence o presidente do Consello Social

2024-05-15T08:02:20+00:0014 de Maio de 2024|Actos do presidente, Novas|

Co obxectivo de acadar a acreditación do Campus Crea, constituíronse dous comités consultivos que prestarán asesoramento no proceso de elaboración do plan estratéxico do proxecto de especialización. Deles forman parte persoas expertas de universidades de diferentes países, representantes de institucións, entidades e colectivos profesionais.

Estes novos órganos reuníronse o venres 10 de maio, de xeito presencial e telemático, na Facultade de Comunicación, nunha primeira xuntanza tras a súa “reformulación en función dos novos obxectivos estratéxicos do Campus Crea, cun novo foco máis centrado nas titulacións que teñen unha relación directa coa creatividade”, como explicou Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus de Especialización Crea.

O proceso acometido para a “reformulación do plan estratéxico”, pondo o foco nas conexións da creatividade coa comunicación, o deseño, a arte e a educación, foi unha das cuestións abordadas nas reunións destes comités, así como do Consello Reitor. Nelas abordouse “o traballo que se fixo durante este ano” para a reformulación do plan estratéxico, xa que “na memoria que hai que facer constar que graos, mestrados e doutoramentos forman parte intrínseca do proxecto de especialización”. Tamén se traballou na normativa sobre os campus de especialización aprobada recentemente pola Xunta de Galicia, así como os traballos de preparación da documentación necesaria para que o proxecto poida someterse á avaliación da administración autonómica.

Dous órganos de asesoramento

O “novo foco” do Campus Crea, explica Fernández Souto, motivou tamén que se levase a cabo “unha reestruturación” dos comités consultivos, creados inicialmente en 2019 e ampliados o pasado ano, co obxectivo de incorporar novos integrantes “de sectores que traballan a creatividade aplicada ao deseño, a arte, a comunicación e a educación”. O obxectivo destes comités, lembrou, “é asesorarnos desde as súas respectivas perspectivas sobre as melloras que se poden facer neste proceso”.

Con incorporacións motivadas tamén polos cambios nos gobernos das administracións tras as eleccións municipais de 2023, o comité consultivo social-empresarial está conformado por Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra; José Manuel Rey, director da Rede de Museos Municipais de Vigo; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual; Arturo Ramírez, presidente do Foro Empresa Pontevedra; Julián Abad, presidente de Creatividade Galega; María del Carmén García, xerenta do Clúster da Comunicación de Galicia, e Iria Vázquez, presidenta da Asociación Profesional de Artistas de Galicia, A Colectiva.

Por outra banda, o comité consultivo académico reúne os docentes Vicente Blanco, da Universidade de Santiago de Compostela; María López e Jorge Clemente, da Complutense de Madrid; Rosa Franquet, da Autónoma de Barcelona; Arturo Guillemaud, da Universidad Nacional Autónoma de México; Jairo Lugo, da universidade de Sharjah dos Emiratos Árabes, e Teresa Ruão, da Universidade do Minho.

Tamén se reuniu o Consello Reitor do Campus Crea, integrado por Reigosa, Lantarón e Fernández Souto, xunto coa vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa; o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Álvarez Bértolo.