[Nova publicada o 18 de abril]
Unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos científicos. Estes son os principais ingredientes da segunda edición do festival científico CinVigo. Ciencia na rúa, organizado por segundo ano consecutivo polo CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, co propósito de converter a Porta do Sol de Vigo nun auténtico laboratorio, aberto a toda a cidadanía o sábado 20 e o domingo 21 de abril.
“Esta proposta de divulgación e promoción científica naceu con vocación de continuidade e, un ano despois, volvemos ás rúas e prazas da nosa cidade co fin de cumprir cun dos obxectivos fundamentais que temos como centro de investigación de referencia: multiplicar o retorno á sociedade en forma de coñecemento científico, innovación e formación”, subliña Miguel Correa, director do CINBIO e integrante do comité organizador deste proxecto, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia de Innovació e que conta co apoio do Consello Social.
“Baixo o lema Ciencia na rúa, o que pretendemos con esta iniciativa é trasladar á cidadanía o interese pola ciencia e fomentar que a cativada viva o proceso de investigación en primeira persoa, ademais de dar a coñecer a existencia na nosa cidade dun centro especializado en Nanomateriais e Biomedicina”, engade Correa.
O prato forte de CinVigo será novamente unha gran feira científica na que preto de 230 estudantes de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de FP serán os grandes protagonistas presentando os seus proxectos científicos ao público asistente e competindo por uns premios finais. En total exporanse 60 traballos desenvolvidos polo alumnado de 25 centros educativos de toda Galicia. Os equipos participantes exporán os seus proxectos na Porta do Sol e terán a oportunidade de ofrecer as súas explicacións ás persoas que se acheguen aos seus postos ao longo da fin de semana, ademais de defendelos nos chamados “minutos de gloria”, que terán lugar no escenario oficial de CinVigo ás 16.00 horas do sábado e ás 11.00 horas do domingo.
Para varias das actividades, os obradoiros e a xincana, é preciso inscribirse previamente. Para poder facelo e ver a programación completa facer clic no botón de abaixo
[ACTUALIZACIÓN]
[Información publicada o 22 de abril de 2024]
Os premios, para Santiago Apóstol, María Auxiliadora Salesianos, A Guía e Carlos Casares
O premio popular do público quedou na cidade olívica grazas ao proxecto Automatización del riego del césped con arduino realizado por estudantes de 1º de ESO do Colexio Apóstol Santiago. Tanto este como o resto de premios foron entregados nun acto de clausura que deu comezo ás 13.00 horas do domingo. Textil aislante térmico hecho con papel reciclado é o título do proxecto que acadou o primeiro premio da categoría “Early researchers” grazas ao traballo realizado por estudantes de 2º de ESO do CPR María Auxiliadora Salesianos de Vigo. Pola súa banda, na categoría “Young researchers” para alumnado 3º e 4º da ESO o proxecto gañador foi Respirando cambios, do IES A Guía. O acto rematou co primeiro galardón da categoría “Teen researchers” para o alumnado de 1º de Bacharelato do IES Carlos Casares, de Vigo, polo seu proxecto Incidencia do radón no cancro de pulmón en entornos graníticos. A concelleira delegada de Educación e Recursos Humanos e Formación, Olga Alonso Suárez; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director do CINBIO, Miguel Correa, foron os encargados de entregar os galardóns no acto de clausura.
A segunda edición de CinVigo, que contou coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia de Innovación, pechou así unha gran fin de semana pola alta participación e pola boa acollida destas propostas de divulgación que se rexistraron preto de 10.000 votos do público e onde 700 cativas e cativos gozaron dos obradoiros científicos infantís.
“CinVigo. Ciencia na rúa” conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea e co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e do Concello de Vigo entre outras entidades, que se suman á colaboración da FECYT.
[ACTUALIZACIÓN 2]
[Vídeo publicado por CINBIO o 6 de maio de 2024]
[Galería de fotos publicada en Facebook por CINBIO]