Realizar unha estadía internacional marca un antes e un despois na vida de moitas alumnas e alumnos universitarios. A opinión que levan para as súas universidades de orixe é o mellor testemuño que pode motivar a outros estudantes a elixir, ou non, a Universidade de Vigo como destino. Conscientes desta realidade e da importancia que ten para a internacionalización da UVigo, o Consello Social publicou os resultados dun estudo no que se analizan as valoracións que este alumnado internacional ten sobre as distintas actuacións de acompañamento e acollida que se lles brindou durante a súa estadía en Galicia.
A obra, elaborada polas profesoras Mª Jesús López-Miguens e Gloria Caballero, toma como mostra 517 estudantes internacionais que se chegaron á UVigo durante o curso académico 2022/2023, a inmensa maioría deles (79%) vinculados ao programa Erasmus, pero tamén a convenios bilaterais (14,8%), bolsas de mobilidade internacional (3,7%) ou ISEP (2,5%).
Os resultados amosan as valoracións do alumnado respecto a tres aspectos: a análise dos motivos que os levaron a elixir a UVigo; a importancia que dan ás accións de acollida e seguimento, e unha valoración xeral sobre a súa estancia en Galicia
Por que elixiron a UVigo?
Segundo as conclusións do informe, o principal motivo para elixir un centro de destino é a dispoñibilidade de bolsas ou acordos de colaboración coa súa universidade de orixe e, a partires de aí, téñense en conta cuestións como a información dispoñible nas súas webs, a localización e a reputación xeral da universidade. Tendo en conta todo isto, un dos aspectos que máis lles preocupa, e que tamén se ten moi conta á hora de elixir destino, é o coste da vida neses lugares e a opinión de compañeiros e compañeiras que realizaron xa unha estancia nesta Universidade.
Acto de acollida e actividades culturais, o que máis valoran
Respecto da importancia da acollida e seguimento que se realizou da súa estancia na UVigo, estas alumnas e alumnos valoraron, sobre todo, a organización dun acto de recibimento específico cunha sesión de información xeral sobre a universidade, así como os actos culturais que se organizan para eles, os cursos e a información adicional que reciben sobre axudas para alugueiro, comida ou transporte.
Máis autonomía, máis habilidades sociais, mellor empregabilidade…
A nivel xeral, a valoración da súa estancia na UVigo deixa valoracións moi positivas sobre a achega que supoñen para o seu desenvolvemento a nivel persoal, sobre todo en cuestións relacionadas coa adquisición dunha maior autonomía, responsabilidade e capacidade de adaptarse. Salientan, ademais, un salto cualitativo nas súas posibilidades de comunicarse oralmente, relacionarse con outros e traballar en equipo con persoas de diferentes culturas.
Marchan tamén con bo sabor de boca sobre o custe da vida en xeral, e da UVigo en particular, e consideran que esta estancia axudaraslles a mellorar a súa empregabilidade. A nivel social, o que máis valoran é ter disfrutado da vida nocturna e ter coñecido lugares de interese cultural, tanto na propia cidade como nos seus arredores.
Pódese descargar o estudo na súa ficha de publicación