Colaboracións e patrocinios

O Campus de Pontevedra acolle 1200 participantes na Conferencia Internacional de Decrecemento, coa que colabora o Consello Social

2024-06-14T11:09:01+00:0014 de Xuño de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|


Máis de 1200 participantes, entre académicos e e activistas de diferentes países, 200 sesións paralelas, sete conversas plenarias e máis de 20 actividades divulgativas, artísticas e culturais para a toda a cidadanía. Estas son algunhas das cifras da ESEE-Degrowth 2024, evento no que se agrupan a 15 Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento, que entre o 18 e o 21 de xuño desenvolveranse en Pontevedra, da man do Post-Growth Innovation Lab da UVigo.

“A convocatoria foi un éxito rotundo”, sinalou o director deste grupo de investigación, Mario Pansera, na presentación da programación dun evento que “porá Galicia, Pontevedra e a UVigo no mapa da transición ecolóxica”, ao congregar na cidade “a elite” da investigación sobre o cambio climático, a transición ecolóxica e a sostibilidade económica e social.

Promovido por este grupo de investigación, xunto coa ESEE, o movemento Degrowth International e a asociación Research and Degrowth, a conferencia conta co apoio de Universidade, o Concello de Pontevedra, Consello Europeo de Investigación (ERC) e o Consello Social da UVigo.

Sete diálogos plenarios e 200 sesións paralelas

Dirixido a que as persoas que investigan poidan “intercambiar ideas” e presentar os seus traballos, o congreso inaugurase na tarde do martes no Pazo da Cultura, onde terá lugar un concerto do pianista Abe Rábade, con entrada libre. Xusto antes, desenvolveranse as dúas primeiras sesións plenarias do congreso, que se articulan nun formato de diálogo e nas que participarán “nomes destacados no campo da economía ecolóxica e o decrecemento”, procedentes de diferentes universidades de Europa ou América. Retransmitidas en directo, as sesións afondarán no papel da ciencia e a tecnoloxía no contexto do dececremento e na economía ecolóxica. 

Ao día seguinte, estes diálogos trasladaranse á carpa da conferencia, que se emprazará a carón de Fisioterapia, pondo o foco na industria do plástico, para analizar o xoves as iniciativas promovidas pola Unión Europea en materia de economía circular, nunha sesión na que participará Hans-Christian Eberl, representante da Comisión Europea e responsable de economía circular no programa Horizon Europe, xunto con Kersty Hobson, da Univesidade de Cardiff, e Andrea Genovese, da Sheffield University. Tamén o xoves, terá lugar un coloquio sobre a democratización da tecnoloxía, mentres que o venres 21 desenvolverase unha sesión dirixida a presentar visións alternativas da idea de innovación, pechándose esta programación cun coloquio sobre decrecemento e cambio climático. Este contará coa participación do director do servizo climático do programa europeo Copernicus, Carlo Buontempo, xunto con Pansera e a investigadora da Universidade de Lausanne Julia Steinberger.

programa académico complétase coas preto de 200 sesións que se desenvolverán de xeito paralelo en diferentes espazos do campus e no Pazo da Cultura entre mércores e venres. Aos debates e presentacións de investigacións sumaranse ademais as iniciativas do Espazo Xove, destinado a promover a participación do alumnado de secundaria. Con preto de 170 inscritos e inscritas, esta iniciativa permitirá coñecer os resultados do proxecto de Postgrowth S.A., financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Como apuntou Pansera, será “a primeira vez na historia destas conferencias” que estudantes de secundaria, procedentes de cinco institutos da cidade, participen neste foro dando a coñecer os resultados dos estudos que realizaron “sobre os problemas que afectarían a Pontevedra” no futuro. 

Actividades para toda a cidadanía 

Co obxectivo, sinalou Pansera, “de conectar todos os discursos académicos da conferencia coa cidadanía”, a programación complétase cun programa social que se desenvolverá polas tardes e que engloba máis dunha vintena de actividades, “como documentais, exposicións, presentación de libros ou charlas”. Nesta programación insírense propostas como a proxección do documental Alter Nativas, o mércores 19 no Teatro Principal, ou a mesa que reunirá o xoves 20 representantes políticos e sindicais no Museo de Pontevedra. Nesa xornada terá lugar tamén un “protestival” na alameda, na que participarán “as asociacións ecoloxistas máis importantes de España” e no que se dará lectura a un manifesto. Tamén no marco desta programación, a conferencia clausurarase na tarde do venres cun faladoiro sobre decrecemento no campus no que participarán os divulgadores científicos Antonio Turiel, Alicia Valero e Jaume Franquesa, seguido dunha serie de actuacións musicais de grupos coordinados por Estudo Bonobo e de Familia Caamagno.

Previamente, neste obxectivo de achegar á cidadanía as temáticas da conferencia inseriuse tamén a Primavera do Decrecemento, un ciclo de faladoiros que se clausura este xoves 13 no Museo cun coloquio no que participan representantes de Greenpeace España, Ecoloxistas en Acción, Xuventude polo Clima, Rebelión Científica e Rebelión ou Extinción.

Simposio de investigadores predoutorais

Xunto co inicio deste programa social, o arranque da conferencia verase precedido o luns 17 por un simposio no que 40 investigadores e investigadoras predoutorais, procedentes de 31 universidades de diferentes países, formaranse en aspectos como a publicación de investigacións críticas ou o uso de metodoloxías baseadas nas artes.