Colaboracións e patrocinios

O Consello colabora coa XLV conferencia ICAME que reune en Vigo 200 científicos que traballan co corpus do inglés

2024-06-21T10:38:32+00:0021 de Xuño de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Duascentas persoas participaron na 45 edición da conferencia da ICAME, a International Computer Archive of Modern and Medieval English, unha comunidade internacional de lingüistas que traballan no eido da lingüística de corpus e da lingüística computacional da lingua inglesa. O congreso, que arrancou o martes 18 de xuño e se estendeu ata o venres, estivo organizado por persoal docente e investigador do grupo de investigación Language Variation and Textual Categorisation (LVTC) coa profesora Nuria Yáñez como presidenta do comité organizador.  Como ela explica, o ICAME naceu en Oslo en 1977, onde celebrou o seu primeiro congreso dous anos despois e, dende ese momento, cada ano foise organizando unha edición de xeito itinerante en diversas cidades, principalmente, de Europa. Esta á a primeira vez que se encarga da organización a Universidade de Vigo e o obxectivo do encontro é “proporcionar unha plataforma de traballo na que se pon en valor o estudo da lingua inglesa con metodoloxía de corpus e ferramentas computacionais, dende diversas perspectivas e tradicións de investigación e tanto en termos de sincronía como diacronía”.

O congreso diríxese a investigadoras e investigadores de nivel sénior e júnior e afiliados a universidades nacionais e internacionais. En total, participaron na cita 171 persoas, ás que hai que sumar os 19 membros do comité organizador que son “académicas e académicos de recoñecido prestixio internacional procedentes de institucións e universidades estatais, europeas e doutros tres continentes”. As e os asistentes proceden de 22 países de todo o mundo, principalmente de Europa, aínda que tamén hai asistentes de Estados Unidos, Canadá, Xapón, Corea, China e Australia.

O Consello Social colabora xunto a outros patrocinadores con esta iniciativa.

Cinco días de debates e relatorios

Foto de familia do comité organizador, composto polos docentes da UVigo Dolores González Alvarez, Nuria Yáñez Bouza, Yolanda Fernández Pena e Javier Pérez Guerra

O tema desta edición do congreso é Interlocking Corpora and Register(s): Diversity and Innovation (Conectando corpus e rexistro(s): diversidade e innovación) e o programa académico esténdese ao longo de cinco días. Como explica Yáñez, “temos un total de 29 paneis temáticos, 111 comunicacións, dúas demostracións de software, 4 conferencias plenarias, e tres talleres con 21 comunicacións”. Precisamente estes obradoiros e comunicacións son os que centraron a primeira xornada: un dedicado á variación sociopragmática en inglés moderno tardío, outro que versa sobre a diversidade e innovación na organización e interpretación de concordancias e un terceiro sobre a interconexión de corpus e rexistros multilingües.

Un organismo internacional

O obxectivo de ICAME é compilar e distribuír información sobre material en inglés dispoñible para procesamento informático e realizar e divulgar información sobre investigacións lingüísticas baseadas neste material. Ademais, traballan para compilar un arquivo de corpus en idioma inglés en forma dixitalizada e para poñer material e os corpus a disposición das institucións de investigación. “O noso obxectivo”, explican dende o organismo, “é promover todas as ramas da lingüística de corpus inglesa, centrándonos especificamente na compilación e análise de corpus de inglés e a aplicación deses corpus á investigación lingüística”. Tamén son de grande interese os estudos baseados en corpus doutras linguas, onde o inglés é un elemento comparativo importante.