O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo volve escavar na ‘cibdá’ romana de Armea, na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). A campaña deste ano, a número 13, arrancou o 22 de xullo e prolongarase ata o 9 de agosto, contando con participación de persoal investigador da UVigo e alumnado en prácticas procedente de diferentes universidades peninsulares.
Como cada ano, a iniciativa é froito dun convenio de colaboración existente entre a institución académica e o Concello de Allariz e conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, o Consello Social e a Deputación de Ourense. O director do proxecto arqueolóxico de Armea continúa sendo Adolfo Fernández e a directora de campo Alba Rodríguez, completando o equipo da intervención outros membros do GEAAT. Arredor de 16 persoas participan cada día nos traballos de campo no xacemento.
Este proxecto arqueolóxico é un dos que teñen unha ampla traxectoria na arqueoloxía galega, xa que o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, con sede no campus de Ourense, leva desde o ano 2011 estudando este enclave, que destaca polo seu grao de conservación e o feito de estar nunha contorna rural, con campañas arqueolóxicas anuais. É ademais, un referente para o alumnado peninsular que cada ano busca realizar prácticas no eido arqueolóxico, presentándose este ano 150 solicitudes de estudantes de numerosas universidades de España e Portugal.
Traballando en tres liñas
As intervencións anuais realizadas apuntan a que Armea foi “unha auténtica cidade romana”, ocupada arredor do século I e abandonada no III, que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia. Tres son as áreas de intervención que centrarán a campaña 2024 neste enclave. A primeira é a coñecida como domus (casa) leste ou dos pináculos, na que o equipo da UVigo busca exhumar novas estancias que rodean o atrio que se escavou nas campañas pasadas. “Seguiremos traballando nesta domus coa esperanza de documentar novas estancias, estratigrafías e material”, explica o equipo da UVigo.
Un segundo foco de intervención é o exterior leste da coñecida como domus norte ou do hexáscele, onde en 2023 o GEAAT recuperou niveis das ocupacións antigas da coñecida como finca da atalaia do xacemento, concretamente da Idade do Ferro. “Este verán queremos avanzar na recuperación destes niveis máis antigos, que nos poden falar da ocupación desta finca desde a época romana ata a Idade do Ferro documentada na pasada campaña”, comentan os responsables da intervención.
Por último, está prevista a realización dunha nova sondaxe na zona coñecida como alto dos pendóns, onde está confirmada a existencia de restos arqueolóxicos. Na anterior campaña o GEAAT realizou dúas sondaxes neste enclave e a idea este ano é realizar unha terceira para documentar se hai estruturas arqueolóxicas nunha terraza intermedia do alto. Estas tres liñas de traballo complementaranse coas tarefas de restauro e conservación unha vez rematada a intervención e as de divulgación e difusión. A intervención arrancou esta semana coa limpeza superficial das zonas de interese e quitando derrubes, aparecendo xa nestes primeiros traballos unha roseta pétrea, elemento decorativo das paredes das domus ou casas romanas.