[O presidente do Consello Social non puido asistir a este Pleno. No seu lugar, presidiu e informou Juan Vieites]
Recóllense neste pleno dúas das competencias máis transcendentes do Consello Social (CS). Pero non só están entre as máis importantes. Son as que marcan o ton da implicación, compromiso e responsabilidade co que o CS se relaciona e se aproxima á universidade.
Ultimamente difundiuse moito o descontento da CCSU, por considerar que non recibiron na LOSU o tratamento axeitado. Eu digo sempre que os CS non teñen natureza divina, que foron creados nun contexto e cuns labores que foron cambiando co tempo. E agora tocan estes. Porque os CS son unha parte da cadea, non a cadea. O lexislador deulle determinadas competencias, que foron evolucionando. E agora entende que tocan outras novas e algunhas recortalas. Nada que obxectar, salvo facerlle comprender as vantaxes de non habelo feito. O que si parece claro é que as universidades non van desaparecer porque desaparezan os CS, pero serán mellores se os CS existen.
Por iso falaba da importancia de articular as dúas competencias que examinamos nesta sesión, e que non é casual que se mantiveron sempre a salvo e sobrevivan a todas as leis orgánicas que se foron sucedendo.
Dunha parte, os novos títulos, o horizonte que nos ofrece a UVigo para atender as necesidades dun mundo tan cambiante, tan vertixinosamente cambiante, tendo en conta que implantar un novo título tarda un mínimo de ano e medio. Convencido de que son as universidades quen deberán salvarnos en termos competitivos, e conducirnos polo camiño do desenvolvemento, parece aconsellable redefinir a forma en que os mundos da ciencia, da universidade e da empresa poden e deben relacionarse, e establecer vínculos máis estreitos entre eles, para levar á sociedade os avances da investigación, para axudar á produtividade e competitividade das empresas e para permeabilizar a formación que se imparte nas universidades ás necesidades, demandas e obxectivos do sector produtivo.
Máis aló de mirar se os novos títulos que se nos propoñen son axeitados, debemos mirar tamén que pasos se dan desde a universidade cara un futuro no que o 50% dos empregados en Europa necesitarán unha reciclaxe profesional nos próximos anos, no que o 75% das profesións que serán máis demandadas dentro de dez anos aínda non existen, ou no que dos empregos que máis van crecer até 2030, 13 dos 15 primeiros líganse ao ámbito tecnolóxico, e un ao da sustentabilidade.
Aquí habería que facerse algunhas preguntas de contexto:
- Teñen as universidades a permeabilidade e o coñecemento suficiente para introducir titulacións tan disruptivas en pouco tempo?. Teñen as empresas o radar necesario para detectalas?
- Existe confluencia, necesidade e un ritmo compasado de necesidades e formación, entre empresas e universidade, para alcanzar estes obxectivos e dar unha resposta rápida, para fomentar carreiras STEM, por exemplo? Falan diso? Téñeno monitorizado?
- Ven risco de que o emprego verde ou as profesións relacionadas coa sustentabilidade, por exemplo, non crezan na nosa contorna para que as universidades promovan esta formación ao non demandala as empresas, ao non ter suficiente robustez o sector? Tomarán a iniciativa entón as universidades?
- Comparten un ritmo compasado de necesidades e formación empresas e universidade, para dar unha resposta rápida, para fomentar carreiras STEM, por exemplo? Falan diso? Téñeno monitorizado?
- Onde será necesario que os Consellos Sociais se fixen primeiro: na oferta das universidades ou na demanda das empresas?
– – – – – – – – – – –
Como ven, hai tarefa. Aproveito para agradecer ao vicerreitor Alfonso Lago a súa presenza para explicarnos hoxe o futuro previsto para 2025. Espero que outro día poidamos abrir unha reflexión máis ampla sobre o que somos, o que queremos ser e o que podemos ser. Universidade e empresa son enerxías poderosas que multiplican o seu valor cando traballan mirándose. Aí temos traballo os CS, mesmo aínda que a LOSU non nolo pedise.
O segundo punto importante desta sesión entra no ámbito económico. Cónstame a rigorosa análise que das contas do exercicio 2023 se fixo desde a Comisión Económica. Agradezo aos membros e ao seu presidente, Juan Manuel Vieites, o traballo responsable e documentado que realizan. Eles son os máis indicados para explicalo. En liñas xerais o exercicio da UVigo é bo, con resultado positivo, e a institución mostra gran capacidade para captar recursos alleos. Outros aspectos máis pormenorizados serán expostos polo presidente da comisión, que, despois de analizar na súa reunión do pasado luns a liquidación de contas de 2023, acordou celebrar unha reunión monográfica á volta do verán para actualizar o seguimento dos ingresos e gastos da UVigo conforme se achega o final do exercicio, e reanalizar a situación de CUSA, FUVI e CITEXVI.
– – – – – – – – – – –
Quero recoñecer aquí e agradecer as referencias feitas polo reitor no último Consello de goberno respecto do labor do CS, e o seu compromiso expreso con mellorar algunhas debilidades apuntadas reiteradamente desde este CS, como é o referido ao inventario, ou ás recomendacións da auditoría operativa que se presenta no punto 9.
Por último, no cartafol 2 recóllese un breve informe sobre a relación entre os empregos dos egresados da UVigo e a formación académica recibida. O documento que dá resposta a unha pregunta exposta por Antonio Macho, describe a metodoloxía seguida polo Observatorio de persoas tituladas para avaliar as variables, as preguntas dos cuestionarios e un exemplo dos resultados. Neste mesmo punto recibiron un informe no que se dá conta da ocupación das residencias universitarias de Vigo e Ourense, perfil dos usuarios, procedencia, idade, titulación, orixe e tipo de estancia. Moi interesante e de moitas lecturas.
E termino comunicándolles que esta semana pechamos o prazo para facer achegas ao cuestionario de autoevaluación do CS que estamos a preparar. Agradezo as respostas que nos remitiron. Nas próximas semanas enviaráselles o cuestionario definitivo, que poderán contestar até o día 6 de setembro. Nun pleno previsto en principio para ese mesmo mes esperamos presentar os resultados da autoevaluación e o novo cadro de asistencias.