Discursos do presidente

Intervención do Presidente do Consello Social na homenaxe a Javier de Vicente Remesal

2024-07-26T12:52:02+00:0024 de Xullo de 2024|Discursos do presidente|

Vigo, 23 de xullo de 2024. Edificio Redeiras. UVigo.

Prof. Dr. Javier de Vicente Remesal, autoridades e delegacións, representantes da Universidade de Vigo, académicos e académicas,  queridos amigos e amigas, bó día.

Congréganos, aquí e agora, fronte ao mar de Vigo, o mar de Martín Códax, o poeta/xograr que escribe e recita no século XII  as primeira estrofas escritas no galego civil; previamente Alfonso X  O Sabio, faría o seu uso nas Cantigas de Santa María, de marcado carácter relixioso, a figura do Prof. Dr. Javier de Vicente Remesal, con ocasión da  celebración, neste mesmo mes, do seu setenta aniversario.

É, así, que esta celebración trae consigo a organización da  Primeira Xornada Internacional baixo o título “Relacións entre a Ciencia Xurídico Penal Española con outros países europeos e americanos”, organizada pola área de Dereito Penal da UVigo e a Fundación Internacional de Ciencias Penales e coa colaboración da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, departamento de Dereito Público desta mesma Universidade, á que se lles suma o seu Consello Social, que teño a honra de representar ante vostedes.

Permítanme, antes de entrar en detalles, darlles a benvida á cidade, sempre amable e cosmopolita de Vigo, a este edificio, que representa a esencia mariñeira deste porto pesqueiro, coñecido e recoñecido en todos os fondeaderos do mundo e desexarlles unha feliz estancia entre nós.

Unha das características da nosa Universidade, como non podía ser doutra maneira, é a de innovar. E, hoxe, estamos a facelo, unha vez máis,  ao organizar o primeiro evento destas características, esta Xornada-Homenaxe, ao primeiro catedrático de Dereito Penal da nosa institución. Un académico comprometido; non só na educación e formación do noso alumnado; senón, tamén, na xestión política e académica desta organización de educación superior, ao integrarse, no seu momento, como vicerreitor de profesorado no goberno do Prof. Dr. Domingo Docampo,  e como decano da súa propia facultade. Só estes datos poden dar a idea do compromiso adquiridos polo Prof. Dr. Remesal coa sociedade galega, á que serviu desde o ano 1993, data na que accede á nosa institución. Previamente, exercera en Salamanca e León.

Dedicarse á formación superior esixe vocación, tempo pleno á función, capacidade de sacrificio para exercer en plenitude, pero, sobre todas estas capacidades  está a do amor á ciencia, que é á fin e ao cabo, o desexo de colmar a curiosidade intelectual do tocado pola procura da excelencia en cada un dos asuntos que trata.

Por iso é polo que esta Xornada-Homenaxe constitúe unha cita científica de primeiro nivel no ámbito do Dereito Penal e en espazos xeográficos como España, Portugal e Alemaña, polo indiscutible papel da ciencia penal alemá na construción dogmática no contexto xurídico europeo con proxección en todos os países iberoamericanos.

O Dereito Penal, está presente nos grandes asuntos que afectan o discurso público na actualidade. Desde a violencia de xénero pasando pola ciberdelincuencia, a corrupción, a Lei da Amnistía, de gran impacto no noso país. E todos estes asuntos terán cabida neste encontro que hoxe inauguramos, analizados por académicos e profesionais de prestixio recoñecido nos seus diferentes ámbitos profesionais.

Sen dúbida, a organización desta homenaxe dános a oportunidade de atoparnos con docentes e investigadores, o que permitirá ampliar a rede de contactos a profesionais e a estudantes interesados en buscar oportunidades en pasantías, colaboracións académicas e emprego.

Cando chega ao Consello Social a información da preparación desta xornada científica, non houbo ningunha dúbida en apoiar esta iniciativa de recoñecemento a un dos nosos primeiros catedráticos, que se verá reflectida no Libro-Homenaxe elaborada con motivo desta conmemoración, publicado pola Agencia Estatal del Boletín Oficial del Estado (BOE), Ministerio de la Presidencia, Justicia y Relaciones con las Cortes do Gobierno de España, composto de 100 capítulos e no que participan 106 autores. Permítanme dirixir unha felicitación sincera  aos Profesores Doutores Marta García Mosquera, a Virxilio Rodríguez Vázquez, a Miguel Díaz García-Conlledo e a Diego M. Luzón Peña polo esforzo realizado para levar á realidade esta publicación, que a partir de hoxe, estou convencido, será de obrigada consulta para aqueles que estean interesados en actualizar os seus coñecementos.

Desexáballes ao principio desta intervención unha feliz estancia entre nós, pero, tamén desexo expresarlles os mellores desexos para que esta xornada sexa a primeira, pero non a única, que se faga na nosa Universidade. Somos conscientes de que figuras como a do homenaxeado teñen que fomentarse nun espazo común: o da ciencia e no da transmisión de coñecemento.

Para todos, organizadores, participantes e, en especial para o homenaxeado, transmítolles o parabén sincero e cordial do noso Consello Social por levar a cabo esta iniciativa tan enriquecedora.

MOITAS GRAZAS.