Colaboracións e patrocinios

O Consello colabora coa Gibraltar International Conference 2 na que 45 especialistas estudan a evolución lingüística de Xibraltar

2024-07-12T12:29:44+00:0012 de Xullo de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Logo da primeira conferencia internacional celebrada o pasado ano na Universidade de Cambridge, o 7 e 8 de xullo 45 persoas procedentes de universidades de Alemaña, Reino Unido, Italia, Suíza, Holanda, España e Porto Rico, así como de institucións de Xibraltar participaron na Gibraltar International Conference 2. Gibraltar English: Linguistics, Literature and Culture. “Este congreso é o primeiro que acomete de xeito científico e sistemático a dinámica lingüística de Xibraltar, coa súa excepcionalidade do contacto de tres linguas; español, inglés e llanito (a mestura inglés-español); o contexto social e histórico que determina o vertixinoso cambio que está a sufrir Xibraltar na súa paisaxe social e cultural e o papel da literatura como testemuño da revolución cultural e o espertar dunha conciencia anticolonialista e paneuropea”, sinala a docente e investigadora do Departamento de Inglés, Francés e Alemán da UVigo e presidenta do comité que organiza o congreso, o grupo de investigación Language Variation and Textual Categorisation (LVTC) da Universidade de Vigo.

Aspectos socio-culturais, como o colonialismo británico e a inmigración española en Xibraltar; aspectos literarios, como o xeito que a literatura contemporánea reflicte a perda das linguas minorizadas ou ponencias sobre aspectos literarios das obras dos escritores  internacionalmente famosos como MG Sanchez; e aspectos lingüísticos sobre a natureza do llanito como amálgama de linguas italianas, árabes e portuguesas ou o cambio código español-inglés (code-switching) en Xibraltar e noutros territorios coma Belice e Estados Unidos, son as temáticas que se abordaron na conferencia, na que tamén se presentou o libro Gibraltarians and their languages-22 linguistic biographies, editado por Elena Seoane, MG Sanchez, Lucía Loureiro-Porto e Cristina Suárez-Gómez e que vén de editar o Servizo de Publicacións da UVigo.

O Consello Social colaborou con esta conferencia. Facendo clic no botón podes atopar toda a información sobre a mesma:

Gibraltar International Conference 2