Colaboracións e patrocinios

[ACTUALIZACIÓN VÍDEO] O Consello colabora na xornada homenaxe ao profesor Javier de Vicente Remesal

2024-09-04T12:02:47+00:0026 de Xullo de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|
O homenaxeado, no centro, acompañado polos coordinadores do libro

Hai apenas un mes o Consello de Goberno aprobaba o seu nomeamento como catedrático emérito e esta semana os seus discípulos académicos fixéronlle entrega dun libro homenaxe polo seu 70.º aniversario, unha obra de case 1400 páxinas -divididas en dous tomos- nas que se recollen as achegas de máis dun cento de prestixiosos penalistas sobre a situación actual desta profesión. Falamos do profesor Javier de Vicente Remesal, catedrático en Dereito Penal da Universidade de Vigo desde 1993, institución na que ademais de exercer como docente e investigador desempeñou diferentes cargos de xestión, entre eles o de vicedecano da Facultade de Dereito, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, ou vicerreitor de Profesorado con Domingo Docampo como reitor.

Javier de Vicente Remesal

A entrega do libro tivo lugar o martes 23 de xullo nun acto celebrado no edificio Redeiras, unha xornada internacional na que coincidiron algún dos docentes que participan na obra, así como o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, que se encargou de inaugurar o encontro, e o reitor, Manuel Reigosa, que o clausurou. Foi un acto de “emoción intensa” como subliñaron en numerosas ocasións os seus protagonistas, sobre todo no propio intre da entrega da obra ao profesor de Vicente Remesal de mans dos seus máis estreitos colaboradores: os docentes da Universidade de Vigo Marta García Mosquera e Virxilio Rodríguez Vázquez, os seus discípulos académicos; o catedrático emérito da Universidad de Alcalá, Diego M. Luzón Peña, presidente de honra da Fundación Internacional de Ciencias Penales ((FICP), “pai académico”  e gran amigo do homenaxeado desde que se coñeceran  en 1977 en Salamanca; e Miguel Díaz e García Conlledo, catedrático en Dereito Penal da Universidad de León, profesor honorario da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da UVigo, patrón da FICP e “irmá académico” do profesor de Vicente.

“A alta calidade científica dos traballos recollidos, a riqueza e abundancia dos temas tratados e as mostras de admiración ao homenaxeado converten este libro nunha obra orixinal e de obrigada consulta para afondar en temas xurídico-penais de actualidade, así como para coñecer máis polo miúdo a traxectoria académica e vital do profesor Javier de Vicente Remesal”, recalcaron os profesores Marta García Mosquera e Virxilio Rodríguez Vázquez, a quen se uniron nesta tarefa de coordinación do libro os profesores Luzón e Díaz pola súa proximidade ao homenaxeado.

Seminario internacional en CC Xurídicas e do Traballo

A maiores desta xornada, na que participaron penalistas de recoñecido prestixio con relatorios  breves sobre diversos temas que renden homenaxe ao catedrático vigués, a celebración do 70.º aniversario do profesor de Vicente Remesal incluíu a celebración este luns na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, dun Seminario internacional de dereito penal, seminario que por primeira vez se celebrou en Galicia.

Baixo o título Problemas de dereito penal xeral e especial , o encontro  prolongouse ao longo de toda a xornada e contou coa participación de docentes tanto da propia Universidade de Vigo, como doutras universidades, do resto de España (León, Autónoma de Madrid, Pública de Navarra…) e tamén doutros países (Italia e Arxentina).

Inagugurado polo profesor Luzón Peña e o decano da facultade, Francisco Torres, o primeiro relatorio correu a cargo do profesor Virxilio Rodríguez Vázquez, quen fixo a súa particular achega sobre as contribucións dogmáticas ao dereito penal médico do profesor de Vicente Remesal. “Na dogmática penal, é dicir, no afondamento teórico desta rama do Dereito é onde podemos atopar os  seus principais traballos”, explicou Rodríguez, quen tamén fixo referencia a que “as súas publicacións, en forma de libros, capítulos de libro, artigos, pero tamén as conferencias e relatorios, destilan un dominio total da teoría do delito e da pena, fundamentado, sen lugar a dúbidas, nun excelente manexo da doutrina alemá”.

Achegamos as palabras do Presidente do Consello na inauguración do evento. Facer clic no botón

IR á intervención de ERNESTO PEDROSA

 

Tamén, a comezos do mes de setembro, UVigoTV presentou unha serie de vídeos realizados durante a homenaxe. Aquí podes ver a presentación e facendo clic no botón visualizar o resto da xornada.

 

VER VÍDEOS EN UVIGOTV