Excelentísimas autoridades e representacións presentes, señoras e señores galardoados, queridas amigas e amigos, boa tarde:
Forma parte do acervo persoal de cada un de nós a construción das relacións que creamos durante o noso período formativo na universidade. No transcurso da nosa vida viviremos experiencias, gratificantes nuns casos, e noutros, non tanto, que marcarán a nosa existencia forzando, deste xeito, a nosa maneira de entendernos cos nosos semellantes.
Somos tan fráxiles como humanos e, á vez, tan potentes que necesitamos acudir aos nosos recordos, aos nosos primeiros pasos para constatar que sempre estivemos en boas mans: a dos nosos pais, dos nosos avós, dos nosos amigos, da nosa universidade. Ese é, á fin e ao cabo, a orixe da creación das asociacións de alumni, de egresados, de antigos alumnos, elixan a denominación que mellor consideren. Os alumni desexan certificar ao mundo que a pertenza á súa universidade capacitounos para formar parte da sociedade na que están inscritos e, que, por tanto, aprenderon os seus valores, ademais das suficientes capacidades formativas para desempeñar con acerto as actividades que se lle encomende na súa vida profesional e, polo tanto, na súa relación social.
A ninguén se lle escapa que, dentro das funcións dos Consellos Sociais, están a supervisión das actividades de carácter económico e rendemento dos seus servizos, promovendo a colaboración da sociedade no financiamento da Universidade e as relacións entre esta e a súa contorna cultural, profesional, económica e social promovendo a calidade das actividades universitarias.
A constatación deste feito é a nosa presenza neste acto. O Consello Social da Universidade de Vigo está comprometido, desde a súa orixe, en fomentar a participación da comunidade universitaria, e non me refiro á que está na actualidade nos seus campus, senón, tamén, á que xa saíu das súas aulas hai anos, para transmitir a mensaxe, de maneira clara e contundente, que os alumni, son pezas fundamentais no desenvolvemento da nosa institución, tanto por reforzar o sentido de pertenza–ou como estratexia para o desenvolvemento e progresión social– como por estaren impregnados dos VALORES da UVIGO, véxase:
– Compromiso, conciencia social, honorabilidade, honestidade, transparencia, igualdade na diversidade, respecto ao medio, transferencia de coñecemento e internacionalización.
E estes valores, entre outros, son os que os fixeron merecedores das distincións que hoxe entregamos nesta cerimonia, permítanme dicilo, para min, emotiva, pois, con este acto refórzase o compromiso deste Consello Social, iniciado tempo atrás, para dar visibilidade á comunidade de egresados, ás veces pouco tida en conta nas universidades novas; non así coas que contan xa cun certo acervo. Custou, pero, debemos dar a razón ao sabio aragonés Baltasar Gracián, cando escribe, “É paixón dos necios, a présa. Elixir a lentitude é tomar partido pola profundidade dos pensamentos e os sentires. O que se fai rápido, rápido desfaise, mais o que debe durar unha eternidade, debe tardar en facerse”. E estes premios teñen vocación de durar. O mesmo que esta Universidade.
Cada un de vostedes foi merecedor desta distinción e no momento de aceptala selaron o compromiso de seguir unidos ao lugar onde, seguramente, viviron os mellores anos das súas vidas. É o noso desexo que sigan compartindo esa sensación e que, se atopen onde se atopen, fagan sentir os nosos valores, xa mencionados, eao que se lle debe sumar o de profundar no da amizade, porque tal como di o sabio anteriormente citado, “cultivarse serve para que a vida sexa milicia contra a malicia”.
Moitas grazas.