114 candidaturas presentadas e 15 finalistas. Estas son as cifras da III Edición dos Premios Alumni-UVigo, unha iniciativa que conta coa colaboración do Consello Social, que naceu coa finalidade de promover a excelencia e recoñecer o labor persoal e profesional de egresadas e egresados da Universidade de Vigo que destaquen por unha traxectoria que achegue valor e teña unha clara vontade de inducir cambios na sociedade.
Tras pechar o prazo de recepción de candidaturas, o xurado seleccionou os tres finalistas de cada unha das cinco categorías: traxectoria profesional, emprendemento, humanidades, impacto social e investigación. Ata o vindeiro día 12 os membros da comunidade alumni poderán votar e elixir os gañadores, que se coñecerán nunha gala que terá lugar o vindeiro 18 de xullo no edificio Redeiras a partir das 19.00 horas.
Nesta gala tamén se fará entrega de distincións honoríficas, o Premio Alumni-UVigo Honorífico, que nesta edición será para Carlos Botana, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; o premio Alumni Distinguido, que será para as deportistas Susana Rodríguez Gacio e Teresa Portela; e finalmente o premio Amigo Alumni, para David Regades, delegado do Estado na Zona Franca de Vigo.
Unha vez remate a gala terá lugar unha festa final na praza do Berbés, un encontro de confraternidade entre antigos alumnos e alumnas da UVigo no que se poderán atoparse cos que foran os seus docentes, compañeiros e compañeiras, e enriquecer así a súa rede de contactos persoais. Música, comida e bebida amenizarán este encontro.
O 12 de xullo finaliza o prazo de votacións
Na categoría Traxectoria Profesional os finalistas son Marco Casanova Álvarez, Xosé Carlos Rodríguez Vázquez e Valentina Marta Rodríguez. En Emprendemento os finalistas son Brais Armiño Franco, Erea Rodríguez Martínez e Raquel Gómez Villar. Na terceira categoría, a de Humanidades, os finalistas son Denis Carballás Riveiro, Rosanna Ojea Carnero e Valentina Marta Rodríguez. Na categoría de Impacto Social: Diego Ferraz Castiñeiras, Javier Cebreiros Fernández e Joseba Delgado Parada. E na categoría de Investigación concorren Alejandro Gómez Yepes, Carlos Spuch Calvar e Estefanía Paredes Rosendo.