Actos do presidente

As tres universidades de Galicia inauguran oficialmente o curso 24-25

2024-09-09T14:00:19+00:009 de Setembro de 2024|Actos do presidente, Novas|

O Paraninfo da Universidade da Coruña acolleu na mañá do venres 6 de setembro a inauguración oficial do novo curso universitario en Galicia. As aulas comezan o  luns 9 de setembro. O acto estivo presidido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e os reitores da UDC, da USC e da UVigo, así como polos representantes dos Consellos Sociais das tres universidades públicas galegas.

A sesión deu comezo co himno universitario Gaudeamus Igitur, que acompañou a entrada da comitiva académica, formada polos membros da mesa presidencial; a secretaria xeral da UDC, Marta García; e o catedrático Rafael María García Rodríguez, encargado de impartir a lección inaugural “Desafíos e oportunidades para a dirección no século XXI”.

A continuación o reitor Ricardo Cao deu lectura ao discurso inaugural en representación das tres universidades. Unha intervención na que tiveron un lugar destacado a necesidade de maior financiamento universitario e a importancia da estratexia da internacionalización, como solución para continuar crecendo e afrontar a ameaza que supón o desequilibrio demográfico de Galicia para o futuro do seu Sistema Universitario (SUG).

Membros da mesa presidencia, reitores, o conselleiro, a secretaria xeral da UdC e o presidente do Consello da UVigo, Ernesto Pedrosa

Ricardo Cao lembrou que co plan de financiamento actual non se está a dar cobertura aos custos estruturais das universidades públicas do SUG e avogou por un acordo entre a Xunta de Galicia e as tres institucións académicas que lles permita un incremento orzamentario. “A prestación do servizo público da educación superior esixe un financiamento axeitado”, afirmou, reclamando que se aumente “especialmente o estrutural, ata chegar a cubrir o custo real da prestación deste servizo público esencial” que se dá nas universidades galegas.

Segundo o reitor da UDC, a suba é tamén necesaria para dar cumprimento ao obxectivo de alcanzar o investimento do 1% do PIB en universidades que fixa a propia Lei Orgánica do Sistema Universitario Español (LOSU).

Cao referiuse tamén ao investimento en I+D en particular, fixado no 2,12 por cento do PIB para xaneiro do 2027, segundo Estratexia Española de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación 2021-2027; pero que non foi máis ca dun 1,4 por cento en España no 2022, segundo o informe da Fundación COTEC dese mesmo ano.

O acto institucional rematou coa actuación musical do “Quinteto Fungar” e a interpretación do himno galego.