Achegar o estudantado á realidade profesional do Dereito Concursal e dos operadores xurídicos que participan nela. Este é o obxectivo co que botou a andar o xoves 3 de outubro na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o I Encontro con profesionais do dereito concursal, un ciclo que trae ao campus a tres profesionais en activo relacionados coa rama do Dereito que se ocupa dos procesos de quebra ou suspensión de pagos das empresas. Son tres exemplos cos que achegarlle ao alumnado a práctica diaria e as diferentes saídas profesionais destes estudos.
Os encontros arrancaron este xoves 3 ás 18.30 horas no salón de graos da facultade coa visita de Amelia Pérez Mosteiro, xuíza titular do Xulgado do Mercantil nº3 de Vigo, que deu unha visión xeral do proceso xudicial do concurso de acredores. Estivo acompañada pola directora dos encontros, a profesora de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, Sara Louredo, quen salienta que a idea deste ciclo é que os profesionais convidados “conten cales son os retos fundamentais desta rama do Dereito, así como as cuestións nas que este Dereito se fai máis necesario ou nas queda máis curto”.
O segundo encontro será o xoves 24 de outubro, neste caso co avogado especializado en concursos Diego Huerta de Uña, que centrará a súa charla na declaración de concurso. O ciclo rematará o xoves 14 de novembro coa participación da avogada especializada na parte económica dos concursos Marta López López, que afondará na figura do administrador concursal.
Charlas abertas ao público en xeral
Se ben esta actividade está especialmente dirixida ao alumnado das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Ciencias Económicas e Empresariais, calquera persoa interesada poderá achegarse ás charlas. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través do correo electrónico anamaria.aido@uvigo.gal
O Consello Social colabora con esta iniciativa.