Discursos do presidente

Informe oral do Presidente do Consello Social ao Pleno do 28 de outubro de 2024

2024-11-04T10:43:59+00:004 de Novembro de 2024|Discursos do presidente|

Volvemos reunir o pleno en Pontevedra, dez meses despois, con asuntos de importancia na orde do día, referidos a traballos desenvolvidos os últimos meses no ámbito interno do Consello Social e dos que facemos hoxe balance.

Dunha parte, o pasado mes de xullo, puñamos en marcha a enquisa que hoxe presentamos. Cumprindo cos requisitos esixidos pola Fundación Haz, que mide a transparencia das universidades, explicabamos a nova obriga do Consello Social de mellorar os denominados deberes de dilixencia. Isto é, dunha parte, informar de maneira individualizada e identificada das asistencias de cada un dos membros ás reunións dos diferentes órganos aos que son convocados. E, doutra banda, realizar unha enquisa de autoevaluación de desempeño e valoración por parte de cada un dos membros do Consello Social.

Pois hoxe presentamos as conclusións, co resumo que nos achega Lois Rodríguez, encargado da web do Consello Social ao que agradezo a súa implicación. Un laborioso traballo. E un documento importante, en por si e porque axudará a aumentar o grao de transparencia da UVigo e influirá, conseguintemente, no acceso a fondos e recursos.

Como os datos os explicará el, quédame agradecer a participación e as respostas de 29 dos 31 membros que compoñen o Consello Social. Unha vez máis se reflicte o elevado compromiso do que debemos felicitarnos. E debo engadir que algúns dos membros remitiron suxestións, que analizaremos e teremos en conta para mellorar na seguinte actualización da enquisa.

E por outra banda quero recoñecer o intenso traballo que leva a cabo a Comisión Económica deste Consello, implicada e perseverante baixo a presidencia de Juan Manuel Vieites. Logo dará unha visión da situación económica da universidade, cos datos, as medidas, as cautelas e a abundante información solicitada con vistas a garantir a estabilidade orzamentaria, coa contención do gasto ou a actualización do inventario entre os asuntos destacados. Cónstame que a Xerencia participa activamente en facilitar este labor. E debe quedar patente que só nos guía a intención de ser útiles e sumar esforzos na correcta xestión orzamentaria da UVigo. As universidades están a vivir tempos convulsos, cunha crise de financiamento acelerado e unha crecente necesidade dunha previsión plurianual. E todas as axudas son poucas. Trataremos este tema nesta sesión coa amplitude e a prudencia que require.

Outros asuntos: proposta de designación de representantes do CS noutros órganos, co agradecemento a Avelino Muleiro e a Xosé Manuel Atanes, por aceptar novos labores no Instituto da Lingua e na Comisión Económica. E á empresa Grupo Valtalia, por aceptar incorporarse ao Campus Auga, tratándose dunha potencia industrial e tecnolóxica recoñecida como a maior empresa española de economía circular, a empresa europea con maior capacidade para reciclar plástico flexible, cunha potente división para a xestión do ciclo integral da auga. Dirixida, ademais por un carballiñés e exalumno da UVigo. Creo que é a mellor achega que poderiamos facer ao Campus de Ourense en particular e á UVigo en xeral.

Sobre este asunto xa se anunciou e aceptouse no pleno anterior o proceso de procura -que agora culmina- dunha empresa vinculada á sustentabilidade e ao medio ambiente. Nese mesmo pleno –no que non puiden estar presente– expúxose solicitar ao Reitor que informe pleno a pleno da evolución do proceso de Enfermaría, o que subscribo. Pídolle ao Reitor que o teña en conta e manteña informado este pleno.

Entre a documentación que se lles remitiu, teñen vostedes a listaxe completa dos representantes do Consello Social noutros órganos da UVigo, unha relación actualizada dos compoñentes do Consello Social, e o dato sobre a presenza de homes e mulleres que reflicte neste momento o maior nivel de achegamento á equiparación na historia deste consello. Aproveito para dar a benvida aos dous novos conselleiros que se incorporan hoxe: Estela Lima, estudante de Grao de Enxeñaría Química Industrial, en representación do estudantado, e José Ignacio González, en representación do Concello de Ourense. Neste balance debo sinalar tamén o falecemento de Gerardo Pérez Puga, que foi membro deste Consello Social desde xuño de 2021, e a cuxa familia lle mostramos as nosas condolencias.

En canto outras noticias de interese quero destacar o impacto mediático do acto do pasado 23 de setembro para presentar o estudo de inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo no curso 2020/2021, realizado polo Observatorio de egresados. Segundo os nosos cálculos, un total de 15 medios fixéronse eco da noticia presentada nunha rolda de prensa na que tamén participou o Reitor e o profesor Luís Espada.

E termino cunha mención ao novo secretario xeral de Universidades do goberno central, Francisco García Pascual, quen nunha recente reunión coa Conferencia dos Consellos Sociais afirmou entre outras cousas que:

  • A CCS é un espazo potentísimo de interlocución entre a universidade, a sociedade e os gobernos… e deben conseguir recursos económicos para proxectos innovadores.
  • … entre as funcións dos consellos sociais, para min, son moi importantes: a aprobación dos orzamentos (porque explican a vida universitaria) e a planificación estratéxica.
  • … os grandes desafíos dos consellos sociais son dous: converterse no interlocutor orgánico da sociedade, empresas, institucións e organizacións sociais, de face achegar demandas, necesidades, ideas e proxectos á universidade: E seren realmente capaces de conseguir recursos económicos utilizados especificamente para novos proxectos, para innovar na forma de organizarse e/ou modernizar a oferta de estudos ou innovar na forma de transferir coñecemento ao tecido produtivo.