Colaboracións e patrocinios

UVigo SpaceLab, agrupación coa que colabora o Consello, presenta os avances da misión espacial BIXO ao Consorcio da Zona Franca

2024-11-06T18:21:49+00:006 de Novembro de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

A agrupación de estudantes de UVigo SpaceLab tivo o martes 5 de novembro a oportunidade de presentarlle ao delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, os últimos avances da misión biolóxica espacial BIXO, desenvolvida ao abeiro do programa Fly Your Satellite! Design Booster, unha iniciativa coa que a Axencia Espacial Europea brinda todo o seu apoio, incluíndo o acceso ás súas instalacións, aos mellores proxectos de  equipos de estudantes de universidades a nivel internacional.

Achegáronse á Zona Franca a coordinadora do equipo e responsable do Organización e Marketing –Estela Lima–, o líder técnico e responsable de Electrónica –Guillermo Calvo– xunto cos coordinadores dos departamentos de Bioloxía –Iliana Durán– e  Software –Víctor Iglesias–.

A noticia de que UVigo SpaceLab era un dos equipos seleccionados para participar neste programa da ESA sóubose a finais de 2022 e, dende entón, o equipo da UVigo foi superando diferentes etapas. Nun primeiro intre sete membros do equipo desprazáranse ao Centro Europeo de Investigación e Tecnoloxía Espacial (ESTEC), o principal centro de investigación e desenvolvemento da ESA, para recibir unha semana intensiva de formación específica para o desenvolvemento dunha misión espacial, despois da que se incorporaron á misión BIXO diferentes melloras.

Prototipos das distintas partes do satélite

Montaxe experimental do sistema microfluídico de BIXO nunha contorna limpa para integración da bacteria

Durante a xuntanza con Regades o equipo presentou ao delegado do Consorcio da Zona Franca material deseñado grazas ao asesoramento recibido durante a participación do equipo no Fly Your Satellite! Design Booster e fabricado grazas ao apoio e colaboración de diversas empresas e institucións. Amosáronlle o terceiro prototipo da estrutura do satélite, fabricado por Precisgal, que incorporou as melloras detectadas na segunda iteración, xunto co switch, o mecanismo que permite manter o satélite apagado ata o seu despregamento en órbita. Ademais, presentouse o deseño final da antena de parche de banda S, fabricada por Star Electrónica e probada na sala anecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que permitirá unha alta taxa de descarga de información unha vez estea en órbita.

Por outra parte, tamén se deu a coñecer un prototipo avanzado do sistema microfluídico, ensamblado co hardware de medición do experimento biolóxico e explicáronse as últimas probas levadas a cabo para a integración do liófilo da bacteria. Finalmente, presentouse o FlatSat, unha placa base fabricada por Star Electrónica e deseñada, como o resto dos compoñentes, polo equipo para probar de forma segura os subsistemas comerciais TOTEM e TRISKEL de Alén Space e o picoEPS de DHV Technology.

Lanzamento en vías de definición

No encontro asegurouse que BIXO será lanzado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento (CSAC) a bordo dun foguete Longa Marcha ou Smart Dragon Series, oportunidade que xurdiu tras gañar o primeiro posto no Space Universities CubeSat Challenge (SUCC), organizado conxuntamente coa Federación Internacional de Astronáutica (IAF).

Na actualidade, estase a traballar en contacto co lanzador para coñecer os requisitos que deberá cumprir BIXO, lanzamento que se agarda que se poida realizar ao longo de 2025. No pasado mes de outubro, durante a participación do equipo no IAC 2024, mantívose unha reunión na que se coñeceron máis detalles e requisitos dese último apartado da misión, “estando cada vez máis preto da posta en órbita da quinta misión dentro da universidade”, subliñaron dende o equipo.

O Consello Social vén colaborando desde hai tempo con UVigoSpace Lab.