Utilizar unha ferramenta de programación para cifrar e descifrar mensaxes, calcular a ruta máis curta entre dúas cidades, empregar a estatística para tomar decisións nun partido de baloncesto ou colaborar nunha investigación policial descifrando códigos. Estas son algunhas das propostas a través das que o proxecto Te lo cuentan las matemáticas busca amosar a utilidade social e tecnolóxica desta ciencia a 800 estudantes de primaria de 14 colexios de Vigo e Pontevedra. Coordinado pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marta Pérez, nestas semanas botaba a andar a quinta edición deste proxecto de divulgación, que conta co financiamento do Concello Social da Universidade de Vigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Facíao cunha serie de talleres impartidos por máis de 80 estudantes da facultade, aos que se sumarán unha serie de encontros con investigadores e investigadoras, co obxectivo de complementar a formación do alumnado de primaria a través dunha serie de actividades orientadas a que, “a través do descubrimento e da manipulación, comprendan conceptos matemáticos”, como salienta a coordinadora deste proxecto.
“Máis que nos procedementos, o proxecto fai énfase na comprensión”, en que nenos e nenas “comprendan conceptualmente o que están facendo e para iso axudámonos en experiencias concretas”, sinala Pérez, coordinadora do grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas). Con esa idea, desenvólvense nos diferentes centros unha serie de talleres de carácter manipulativo e tecnolóxico, dirixidos a xerar unha “aprendizaxe significativa”, que contribúa a “mellorar a súa capacidade de razoamento matemático”. Así, a quinta edición de Te lo cuentan las matemáticas arrancou cun taller manipulativo centrado na criptografía en quinto curso e outro baseado nos códigos en sexto, aos que este venres se lles deu continuidade con dous talleres tecnolóxicos, centrados nestes mesmos conceptos. “Neles tiñan que utilizar a ferramenta Scratch para cifrar e descifrar mensaxes e para coñecer como se crean códigos como o que se utiliza para o NIF”, apunta Pérez.
Dar visibilidade a grandes matemáticas
Os bloques programados para cada trimestre complétanse cos Encontros inspiradores, dirixidos a achegar ás e aos escolares a traxectoria de investigadoras e investigadores novos no ámbito das matemáticas e a que coñezan as achegas realizadas ao longo da historia por científicas de referencia neste campo. Estas actividades, que se levan a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, combinando o seguimento presencial e virtual do estudantado, buscan contribuír a “espertar vocacións matemáticas entre os nenos e nenas de primaria”, así como rachar cos estereotipos asociados aos matemáticos e matemáticas. O primeiro destes encontros terá lugar o vindeiro mércores e permitirá coñecer tanto as traxectorias dos investigadores Xabier García e Pilar Páez como as de Ada Lovelace, Agnes Meyer Discroll e Dorothy Vaughan. Relacionados sempre con cada un dos tres bloques de contidos programados para cada curso, os seguintes encontros porán o foco nas achegas de Hipatia de Alexandría, Emmy Noether, Maryan Mirzakhani e Florence Nightingale.