Colaboracións e patrocinios

O Consello colabora cunhas novas xornadas Empresa-Universidade promovidas polo Campus Crea de Pontevedra e centradas nas relacións públicas

2024-12-05T09:58:00+00:003 de Decembro de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

As xornadas Empresa-Universidade que promove o Campus Crea teñen como obxectivo achegar o estudantado á realidade do mercado laboral, a través das experiencias de profesionais formadas na Universidade. Este ciclo celébrase ao longo de varias semanas na Facultade de Comunicación e como sinala a directora da Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, en anteriores edicións puxeron o foco “na fotografía ou na creatividade e que este ano enfocamos nas relacións públicas”.

Alejandra Benso, xestora de eventos en Pepe Solla no seu relatorio.

Abertas ao público, as xornadas  arricaron a pasada semana co relatorio A organización de eventos nun evento con Estrella Michelín, a cargo da graduada en Publicidade e Relacións Públicas Alejandra Benso, xestora de eventos en Pepe Solla. Presentado polo profesor Juan Manuel Corbacho, este coloquio tiña como obxectivo achegar o alumnado ás figuras do event planner e o event producer. “A idea é que falen do día a día no seu traballo, que lles conten o alumnado como chegaron alí e como orientar a súa carreira se queren traballar neste campo”, sinala Corbacho, encargado de coordinar unhas xornadas que combinan o achegamento a un caso concreto cun percorrido pola traxectoria profesional das conferenciantes, que poida servir tamén como un “elemento motivador” para as e os profesionais que se forman no centro.

Baixo o título de Experiencias de egresadas no eido da publicidade e das relacións públicas, as xornadas Empresa-Universidade continúan o vindeiro martes 10 de novembro, ás 9.00 horas, cunha conferencia de Goretti Castro, senior content developer en Hijos de Rivera que porá o foco “na estratexia de internacionalización dunha das empresas máis importantes de Galicia”, a través dun caso de éxito concreto, como foi a campaña de emprazamento de produto na serie La Casa de Papel, que deu lugar posteriormente a iniciativas como a campaña Plan Cabo Suelto.

E o xoves 12, ás 13.00h, celebrarase o relatorio Os eventos internacionais na cidade de Pontevedra, a cargo de Vanesa López Chousa, socia fundadora e directora de Trisquelia. Estará centrado na experiencia desta empresa na organización de múltiples tipos de eventos, desde congresos internacionais a actividades como a feira do gourmet galego Etiqueta Negra, ao tempo que permitirá pór o foco no traballo por conta propia no sector da comunicación e organización de eventos.

Este ciclo e outras actividades de Campus Crea contan co apoio do Consello Social.