Actos do presidente

O Consello Social aproba un orzamento de 248,8 millóns de euros para a UVigo no 2025

2025-01-08T12:56:47+00:0028 de Decembro de 2024|Actos do presidente, Novas|

O pleno do Consello Social aprobou o venres 27 de decembro no campus de Ourense os orzamentos da Universidade de Vigo para o ano 2025. Tras ser presentados no Claustro e aprobados no Consello de Goberno na semana anterior, rematando así a súa tramitación.

A xuntanza tivo lugar no edificio Campus Auga, tendo en conta a acreditación este ano por parte da Xunta de Galicia deste campus de especialización da UVigo. Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social , subliñou o feito de que “o orzamento deste ano é case igual co do ano pasado” o que, indicou, amosa, “a boa saúde económica da Universidade de Vigo”. Un ano máis, afirmou, “cumprimos as expectativas que nos propuxéramos e podemos estar satisfeitos porque estamos nunha universidade saneada”.

Na sesión, o Consello Social realizou as súas achegas e suxestións respecto das normas de execución deste orzamento.

Os membros do Consello asistentes ao pleno

Radiografía da matrícula na UVigo

Tras a aprobación do orzamento, durante o pleno, Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, expuxo ante os seus membros unha radiografía da matrícula na institución académica na que destacou a súa positiva evolución. Así, neste curso 2024/2025, o total de alumnado matriculado na Universidade de Vigo ascende a 20.148 persoas, 16.041 en titulacións de grao; 2.078 en mestrado; 1.472 en doutoramento e 557 no Programa Universitario Maiores. Por campus, 10.729 están no de Vigo; 5.189 no de Ourense e 4.230 no de Pontevedra. Entre outros moitos datos, a responsable académica destacou que este curso académico a taxa de ocupación das prazas de novo ingreso nos graos foi do 105%, sendo 3.836 as ofertadas e 4.011 as cubertas. Esta cifra en mestrado (con 1.733 prazas ofertadas e 1.368 cubertas) foi do 79% e en doutoramento (con 529 prazas ofertas e 314 cubertas) o 59%.

Outros temas

Ademais dos orzamentos e a radiografía da matrícula na UVigo, outros temas abordados neste último pleno do ano foron o orzamento do Consello Social para o exercicio 2025 e a estimación do peche do exercicio 2024; a extinción do mestrado universitario en Industria 4.0 e a aprobación da creación e participación da Universidade de Vigo no capital social da spin-off Serenia.