Discursos do presidente

Informe do presidente ao Pleno do 27 de decembro de 2024

2025-01-16T12:35:34+00:0016 de Xaneiro de 2025|Discursos do presidente|

Volvemos ao Campus de Ourense dous anos despois, a un edificio creado para ser centro de referencia en investigacións relacionadas coa auga, que agrupa recursos e capacidades para desenvolver proxectos de investigación singulares, posibilitando un maior desenvolvemento docente e científico que facilite a mellora da competitividade da industria local. Hoxe acolle once laboratorios nos que diversos grupos de investigación desenvolven os seus proxectos científicos. É un exemplo da fortaleza e a capacidade nutricia da institución por buscar futuros.

Agradezo ao vicerreitor do Campus, Javier Rodríguez Rajo, a acollida, e ofrézolle o apoio e a disposición do Consello Social para acompañalo nas súas tarefas.

Hoxe temos unha sesión marcadamente económica na que quero facer dous apuntamentos previos. 

O primeiro referido á presentación do informe que nos explica os indicadores de saúde do órgano máis vital da UVigo: o alumnado. A vicerreitora Natalia Caparrini, á que agradezo o documentado, pormenorizado –e até optimista– estudo que elaborou. Creo que as conclusións –sendo consciente de que o porvir non está tan despexado– son alentadoras, porque os datos son bos, e algúns en concreto haberá que empezar a velos como bos. Dígoo porque sei que o equipo de goberno está a facer importantes esforzos na internacionalización e na captación de alumnado exterior. Pero hai que reivindicar tamén a importancia dunha universidade na que o 91% dos seus estudantes proceden do territorio propio, que confían nela e nos coñecementos que proporciona. Paréceme moi meritorio, en tempos nos que a globalidad se presenta cun abano inmenso de alternativas.

A segunda cuestión de interese refírese ao recurso presentado por Juan José Santamaria, por darnos a oportunidade de exercitar un artigo que até agora non fora necesario na historia deste CS. Ao requirir tanto tempo e esforzo a súa elaboración, trato de velo como un exercicio de xenerosidade e de confirmación da transparencia e as boas intencións nas que se move sempre a nosa acción. Ese será o aproveitamento que obteremos. Non digo eu que non sexa bo, nalgunha ocasión, ir máis aló dos beneficios de dirimir e resolver as discrepancias ou as simples dúbidas cunha simple conversación, e entrar no terreo litixioso. Pero tampouco podo afirmar que esta fórmula reporte mellores solucións nin avances máis rápidos. E á vista está que aí nos defendemos peor todos.

Sobre o tema económico non vou estenderme moito nin entrar en detalles, en beneficio da intervención que fará Juan Manuel Vieites. Quero deixar constancia do traballo da Comisión que preside, na que se analizaron os documentos que hoxe chegan a este pleno. Pedíronse explicacións sobre varios puntos, fixéronse observacións, correccións, alegacións e recomendacións. E algunhas propostas de modificación nas Normas de execución que foron atendidas pola Xerencia e chegan hoxe corrixidas. 

As universidades viven tempos sombríos. Non lembro velas tan fráxiles. A suficiencia financeira é unha seria ameaza. É ben coñecida a situación de precariedade das universidades públicas madrileñas, en risco de colapso nalgún caso. A situación é crítica. Pero o veo esténdese: en Málaga xa non hai diñeiro para recibir a profesores invitados e as fotocopias están limitadas, mentres tivo que recibir un préstamo da Junta de Andalucía “para poder seguir cumprindo a súa función”. Até en Galicia liamos recentemente que a UdC vende edificios para reducir o déficit.

Aínda que hai que dicir tamén que a Xunta confía en facer que Galicia sexa a primeira comunidade en achegar o 1% do PIB á universidade, son momentos de ser moi coidadosos e prudentes coa xestión financeira. A UVigo sabe que nos ten sempre do seu lado, e esa lealdade trataremos de mantela desde o espírito crítico e o exercicio práctico das nosas competencias, porque ser de utilidade creo que é unha condición indispensable da lealdade responsable.

Hai outros asuntos sobre os que, nas últimas reunións, pedimos datos tanto ao Reitor como á xerente. A algunhas, á maior parte, darase resposta nesta sesión, e as demais pasarán ao apartado de asuntos pendentes para próximas convocatorias. Cito só a relacionada coa situación de Enfermaría, por ser un compromiso adquirido co Reitor para cada reunión deste pleno.

E termino con outros asuntos que merecen unha mención, ao meu entender, pola súa relevancia:

  • A excelente cualificación que outorga a Fundación Haz co selo de Transparencia 2024 na categoría de tres estrelas, o máximo posible que concede a Fundación. A UVigo sitúase de novo entre as máis transparentes de España. Cumpre 30 indicadores e un parcialmente, obtendo 62 puntos dos 62 posibles. Merece a pena que vexan o informe enviado no punto 2.
  • Respecto da elaboración dos novos Estatutos da UVigo, estivo sobre a mesa unha proposta de reducir a representación do CS de tres a dous membros no Consello de Goberno. Tendo en conta que os actuais Estatutos e o habitual nos Consellos sociais é que a representación sexa de tres membros, parece lóxico manter a actual representación. Máxime cando a LOSU fixa un mínimo para estudiantado e PTGAS, e non parecería lóxico que o CS tivese unha representación porcentualmente inferior. Apelamos á coherencia do equipo redactor. E agradezo aquí a Jesús Graña a súa implicación nesta comisión.
  • Entre as noticias coñecidas quero destacar dúas que reflicten o pulso dunha universidade con compás, e leo os titulares: “A UVigo lidera o I+D español en ciencia alimentaria e oceanografía”, e “Galicia e Arxentina asinan un acordo para que as súas universidades poidan impartir títulos compartido”.
  • E sobre a CCS só apuntar que a maioría dos consellos están centrados no desenvolvemento autonómico da LOSU, e que aprobou uns novos estatutos, con marcada orientación a fortalecer a proxección internacional da Conferencia e consolidar o seu vínculo estratéxico co sector produtivo.

E finalmente damos a benvida a Estela Lima, estudante do Grao de Enxeñaría Química Industrial, activa representante estudantil en varios órganos da UVigo, da Escola e en asociacións de alumnos. Viguesa, por máis datos. Substitúe a Manuel Diz Folgar, ao que agradecemos as súas achegas.