Que a Universidade de Vigo é unha institución pública na que se valora o esforzo, o compromiso e o talento, que está ao dispor de toda a sociedade para acadar un mundo máis xusto e máis igualitario, foi a principal mensaxe que se transmitíu na celebración de San Tomé de Aquino, cerimonia que tivo lugar o martes 28 de xaneiro no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
No acto entregáronse en total 161 premios: 23 premios extraordinarios de doutoramento (13 homes e 10 mulleres) de todos os eidos de coñecemento; 55 extraordinarios de grao (33 mozas e 22 mozos); 75 premios á excelencia académica aos estudantes cos mellores expedientes de novo ingreso neste curso 2024/2025 -60 de grao e 15 de máster- e 8 Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao, mestrado e teses. Acompañáronos nesta data numerosos familiares, así como un destacado número de membros da comunidade universitaria e numerosas autoridades do ámbito económico, político e cultural.
Premios que dan folgos para novas investigacións

Antía González, Premio Extraordinario de Doutoramento
Entre as persoas galardoadas atópase Antía González, recoñecida co Premio Extraordinario de Doutoramento. “A verdade é que a da tese é unha etapa dura, na que se suman moitos esforzos e moitos momentos duros. Entón, que dalgunha forma recoñézanche ese esforzo dá forzas para continuar investigando e seguir facendo o que che gusta”, destaca do premio que obtivo pola tese que levou a cabo no doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, baixo a dirección de Miguel Ángel Prieto, do grupo Investigacións Agrarias e Agroalimentarias (AA1). De feito González Pereira continúa afondando na liña de traballo da súa tese, centrada nas flores de camelia xapónica, cunha axuda posdoutoral da Xunta de Galicia. Nela, estudou a composición de oito variedades desta flor co obxectivo de tratar de atoparlles posibles aplicacións, constatando “que tiñan un gran potencial antioxidante, que nun futuro pode servir para aplicacións alimentarias”, así como o “gran potencial antitumoral” dunha das variedades analizadas. Afondar nestas liñas de traballo e analizar novas posibles aplicacións, tanto das flores de camelia xapónica como das súas follas, centran agora o traballo dunha investigadora que ve neste premio “un plus” de cara a continuar a súa carreira.

Juan Bastero, Premio Extraordinario de Grao
A investigación é así mesmo unha das opcións de futuro sinalada polo egresado da Escola de Enxeñería Industrial Juan Bastero, un dos 55 titulados e tituladas recoñecidos cos premios extraordinarios de grao. Graduado en Enxeñaría en Organización Industrial, Bastero Sellán traballa actualmente no Grupo de Enxeñería de Organización, onde está poder constatar, recoñece, “como todos os coñecementos que fun adquirindo ao longo da carreira teñen aplicación no mundo real, a través de proxectos con empresas”. De aí que reciba este premio extraordinario como “un orgullo, porque ao final é un recoñecemento ao esforzo de todos estes anos”, pero tamén como “un valor a futuro, que sempre podes incluír no teu currículo”, de cara a un futuro profesional respecto do que recoñece o seu interese tanto pola investigación como pola aplicación da súa formación no traballo coas empresas. Nun primeiro termo, este premiado prevé completar o mestrado en Dirección e Innovación da Cadea de Subministración que se atopa cursando para iniciar o doutoramento e continuar avanzando na súa investigación sobre “un modelo para optimizar” a última fase loxística do proceso de entrega de pedidos a domicilio, que teña en conta as dimensións ambiental, económica e social da sostibilidade.
UVigo TV preparou un resumo do evento