O luns 10 de febreiro comezou a décima edición das JAI cun programa de conferencias e mesas redondas que é o máis extenso da súa historia, con 70 relatores, máis de 40 horas de ponencias e máis de 40 expositores no Showroom, unhas cifras que constatan o crecemento e consolidación destas xornadas bienais que naceron hai 20 anos.
![](https://consellosocial.uvigo.gal/wp-content/uploads/2025/02/MesaPresidencialJai2025-300x169.jpg)
Mesa presidencial da inauguración
Esta décima edición celebrarase ao longo de toda a semana na Escola de Enxeñería Industrial, lugar que o luns acolleu o acto oficial de inauguración no que participou Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; o director de Stellantis Vigo, José Luis Alonso Mosquera; o director xeral do CTAG, Luis Moreno; e o presidente de Dihgigal, Francisco Yáñez. Todas autoridades coincidiron en recoñecer o esforzo, a perseveranza e a constancia do profesor José Ignacio Armesto, promotor das JAI, agradecéndolle ter organizado un evento “dificilmente igualable en ningún lugar do mundo” .
No xa tradicional Showroom Industria 4.0, daranse cita as principais empresas do sector amosando as novas tecnoloxías e avances. En total serán 40 expositores, co cal, aos 2000 asistentes previstos, haberá que sumar os visitantes a esta mostra, que non require inscrición, e á que adoita asistir o estudantado da EEI (arredor dos 1500 ), o profesorado (150) e moitos centros de FP que virán de visita co alumnado.
Na primeira xornada o público puido coñecer de preto varios exemplos de robots e autómatas, entre eles tres de Unitree: Go2, Go2w e o bípedo G1, que segundo Armesto é “o primeiro deste fabricante que está en España”. A eles sumáronse Vision 60 de Ghost Robotics e os Rs e WallE que adoitan estar presentes nas JAI, así como bastantes robots móbiles industriais.