O 90,62% dos estudantes que se titularon no ano 2018 nun grao universitario en Galicia atoparon un emprego e están a traballar seis anos despois. Son datos que se recollen nun informe realizado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e que se presentou o xoves 13 de febreiro nun acto na Cidade da Cultura, en Santiago, ao que asistiron, entre outras autoridades, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, os reitores das tres universidades galegas: Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UVigo) e Ricardo Cao (UdC), e o presidente do Consello Social da UVigo Ernesto Pedrosa
O encargado de detallar as cifras foi o director ACSUG, Eduardo López, quen explicou que este estudo se realizou no verán de 2024 en base ás respostas que ofreceron 3.356 persoas que se titularon en 2018 –menos da metade das 7.643 ás que se lle enviou– nunha enquisa con 64 preguntas. Ademais, é a primeira análise que xa recolle datos unha vez superada a pandemia da covid-19.
A fiabilidade estímase en “o 95%”, segundo afirmou López, quen tamén explicou que non supón “un atraso” facer o estudo con estudantes que se titularon seis anos atrás, posto que permite darlles uns anos de marxe para facer tamén un máster ou un doutoramento antes de incorporarse ao mundo laboral.

O presidente do Consello, Ernesto Pedrosa, asistiu á presentación
Cando se fixo o estudo sobre os graduados en 2008, a inserción laboral foi do 61,93%, que chegou a descender nos siguentes informes –non se adoitan facer con periodicidade anual– coincidindo cos anos da crise financeira.
Nos anos seguintes, comezou a subir. A anterior análise ao que se presentou este xoves é do curso 2014/15, que obtivo unha inserción do 87,02%, tres puntos e medio menos que o 90,62% de 2017/18. Así mesmo, dous de cada tres (65,54%) dos que si traballan teñen un emprego indefinido.
O conselleiro de Educación, pola súa banda, agradeceu o informe elaborado pola Acsug e profundou na importancia de contar con “información para tomar decisións” desde as institucións.
Estudos como este, dixo Román Rodríguez, son “importantes para converter as percepcións ou opinións” ao redor das carreiras universitarias “en certezas”. Ademais, reivindicou a evolución histórica dos datos de empregabilidade e soldo para destacar e agradecer o traballo que fan as universidades públicas galegas.
Por parte destas últimas falou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, quen sinalou, en base ás cifras mostradas, que “lle está sentando moi ben” a coordinación das tres institucións e os seus sete campus. “Estamos a dar o exemplo de que somos capaces de atopar novas titulacións para o futuro de Galicia”, concluíu.