O Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, en colaboración co Consello Social, acaba de lanzar unha macroenquisa para coñecer a situación de empregabilidade das persoas tituladas en estudos oficiais da UVigo entre o ano 1990 e 2024. En total, convídase a participar a 117.846 estudantes que saíron das aulas da institución académica dende a súa segregación da Universidade de Santiago de Compostela, é dicir, as 35 promocións comprendidas entre os cursos académicos 1989/1990 e 2023/2024, incluíndo tanto licenciaturas, diplomaturas, enxeñarías e enxeñarías técnicas como graos, mestrados e programas de doutoramento.
Con este estudo búscase analizar o perfil académico do antigo estudantado, a súa situación socio-laboral a 1 de xaneiro de 2025, as características do seu emprego, a valoración que fan do seu traballo, a satisfacción co itinerario académico realizado e co cumprimento das expectativas en relación co ensino superior, así como a súa valoración da inserción laboral.
A enquisa estará aberta mentres dure todo o traballo de campo, tempo que se estiuma nos meses de marzo e abril, ata conseguir unha mostra representativa das máis de 117.000 mil persoas tituladas da UVigo.
Anónima e personalizada
A enquisa é anónima e está dispoñible tanto en galego como en español e non é preciso responder todas as preguntas, xa que en función das respostas, as persoas participantes serán encamiñadas ás preguntas que correspondan. O cuestionario está estruturado en cinco bloques principais: o primeiro sobre o acceso á UVigo e a traxectoria persoal no ámbito académico; o segundo sobre a actividade principal da situación socio-laboral actual; o terceiro sobre as características profesionais do actual emprego; o cuarto sobre a satisfacción co itinerario académico e unha última parte sobre a satisfacción coa inserción laboral.
Como salienta Víctor Manuel Martínez Cacharrón, analista de datos do Observatorio de Persoas Tituladas, a enquisa xoga un papel importante en varios aspectos. Por unha banda, “permitirá coñecer a empregabilidade e situación profesional actual de todas as promocións de persoas tituladas da UVigo a efectos de ser comparada coa contorna profesional, empresarial, social e territorial a nivel galego, español e europeo”. Ademais, tamén axudará a “achegar información útil e relevante para mellorar a UVigo, contribuír á mellora da formación do estudantado das seguintes promocións e avaliar a satisfacción coa empregabilidade e cos estudos realizados”.
Segundo macroestudo
Este é o segundo macroestudo que o Observatorio de Persoas Tituladas e o Consello Social realizan ao antigo estudantado de todas as titulacións e promocións da UVigo. O primeiro, publicado en 2018, permitiu elaborar o mapa do lugar do traballo das persoas egresadas entre 1990 e 2015.
En 2021 o mapa foi actualizado con información sobre o lugar de residencia. Como explican dende o observatorio, “o estudo que estamos a facer permitirá actualizar eses mapas e detectar as tendencias sobre mobilidade laboral rexistradas nos últimos 10 anos”. Ademais, engaden que a UVigo é a única universidade do SUG que conta con este tipo de información.